A Consellería de Cultura e Educación aposta pola lectura en familia promovida polo I Encontro ‘Lemos xuntos’

O director xeral de Centros e Recursos Humanos participou na clausura deste evento, organizado polos equipos de bibliotecas escolares de centros educativos de Sanxenxo

Ven, 13/04/2012 - 21:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reafirmou hoxe a súa aposta pola lectura en familia, un hábito que xa vén fomentando a través de iniciativas como a das Mochilas Viaxeiras - préstamos de material en diversos soportes desde a biblioteca aos fogares, pensadas para que se poida organizar unha actividade que implique a todos os membros da familia -, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe. Así o expresou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, na súa participación na clausura do I Encontro Lectura e Familias ‘Lemos Xuntos, promovido en Sanxenxo polos equipos das bibliotecas escolares de centros educativos deste municipio pontevedrés, co apoio da Consellería e do Concello.

Durante a súa intervención o director xeral salientou “o incuestionable papel da familia na creación de hábitos de lectura nos máis pequenos”, o que redunda en mellores resultados académicos. Neste sentido explicou que todos os estudos demostran que cando a familia amosa interese pola cultura e a lectura, “e dedica tempo e esforzo por contaxiar aos fillos e fillas o amor pola linguaxe, polos libros, polas artes, polo coñecemento”, a predisposición para a lectura é maior”.  “Esa variable é fundamental para o éxito persoal, académico e social dos nenos e nenas, e é tamén importante para a súa formación como cidadáns activos e como persoas felices”, engadiu.

O director xeral salientou o apoio “desde o primeiro momento da Consellería, por canto coincide nos seus obxectivos con dúas das liñas de actuación do Plan LÍA, as que falan de afianzar a colaboración con outros axentes sociais que poidan contribuír á construción da sociedade lectora e de acadar maiores cotas de implicación das familias na formación dos novos lectores”.

Ademais, Pinal gabou o traballo realizado na organización deste encontro, “un bo exemplo de colaboración entre os distintos sectores da sociedade, traballando por unha finalidade común como é, neste caso, o fomento da lectura entre os máis novos”, unha proposta que naceu dos equipos de biblioteca de varios centros da comarca, algúns deles integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, e que foi quen de xuntar a outras institucións como a Federación de ANPAS, librerías e ao mesmo Concello de Sanxenxo.

As familias, un incentivo para a lectura

Implicar ás familias na formación dos máis novos como lectoras e lectores competentes é un dos obxectivos dos Proxectos Lectores de centro que elaboran as bibliotecas escolares. Para iso a Consellería, no marco do programa ‘Hora de Ler’, impulsa propostas como as mochilas viaxeiras, préstamos de material en diversos soportes desde a biblioteca aos fogares, pensadas para que se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e así proporcionar un motivo de encontro entre os distintos membros desta. Así mesmo, a través das bibliotecas escolares, a Consellería pon en marcha clubs de lectura e outras moitas actividades pensadas para favorecer a participación das familias e a vosa implicación no labor de fomento da lectura.

Actividades

O I ‘Lemos Xuntos’ foi un punto de encontro para todos os membros da familia, cun completo programa para nenos e mozos, conferencias para os adultos, sesións de narración oral, lecturas públicas e recitais. Así, desenvolvéronse obradoiros como Carballo con Botas, de Anxo Moure, que viaxa ao longo do ano polas escolas como parte dun proxecto de contos medioambientais; A Viaxe das Palabras, da Tropa de Trapo, espectáculo de castro contos participativos con música e efectos sonoros en directo; ou Lonxa poética, coordinado por Noa Presas Bergantiños no marco do Proxecto Linguas no ensino (USC), que procura usar a poesía como medio de coñecemento e perfeccionamento de competencias no idioma e para o fomento do hábito lector.

Ademais, os asistentes puideron gozar dos obradoiros de narración oral impartidos por Charo Pita; e de Un dicionario para o corpo, co que Clara Gayo trasladou a palabra escrita ao corpo, no xeito de xesto e movemento, converténdoo nun instrumento de escrita e mesmo creando un pequeno idioma universal. Pola súa banda, Ana Abelenda ofreceu con Animar a ler en familia consellos e estratexias para cantar e contar, para crear o hábito lector nos nenos e nas nenas dende os primeiros anos de vida, antes de que aprendan a ler, partindo dende a tradición oral e musical galega, ata chegar ó álbum ilustrado.

Relatorios e actuacións

Ao longo destas dúas xornadas tamén houbo espazo para o debate, na mesa redonda Ler no século XXI:unha tarefa compartida, na que participaron Manuel Bragado, Concha Costas e Pilar Sampedro, moderada por Pilar Sampedro

No marco deste I Encontro 'Lemos Xuntos' desenvolvéronse ademais as actuacións de Tim Bowley e Charo Pita, con Gran Bretaña-Galicia, no que as dúas voces en dúas linguas se entrelazan para enriquecer as historias, máis alá dos roles de narrador e unha tradutora. O programa pechouse coa conferencia do profesor da Universidade de Granada Juan Mata Anaya Animádeos a ler! tamén a familia forma lectores e coa actuación do dramaturgo Cándido Pazó.