A Xunta destina 2M€ ás bolsas de mobilidade para universitarios galegos en calquera lugar do mundo

O DOG convoca hoxe as axudas complementarias para o alumnado do programa Erasmus+, que aumentan un 5% e que poden solicitarse ata o 3 de febreiro

O Goberno galego apoia tamén a mobilidade dos estudantes en países extracomunitarios con outra convocatoria

O pasado curso, máis de 1.000 universitarios beneficiáronse destas bolsas

Xov, 02/01/2025 - 12:18
Foto da estatua de Erasmo de Rotterdam

A Xunta de Galicia destina case 2M€ en bolsas para universitarios galegos que participan este curso en programas de mobilidade en calquera lugar do mundo. Con esta finalidade, o Goberno autonómico establece dúas liñas de axudas: unha dirixida a estudantes do programa Erasmus+ que abrangue o territorio da Unión Europea e outra para aqueles que optan por destinos extracomunitarios. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica precisamente hoxe a primeira delas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

O pasado curso, máis de 1.000 alumnos galegos puideron beneficiarse destas axudas, unha experiencia que supón unha oportunidade para o seu enriquecemento académico. En concreto, un total de 1.050 de estudantes foron beneficiarios das bolsas do programa Erasmus+ e outros 78 recibiron axuda para viaxar a unha universidade fóra da UE.

 

Coa convocatoria publicada hoxe, o Goberno galego achega unha contía complementaria ao alumnado que participa este curso no programa comunitario Erasmus+. En total, o investimento supera os 1,6 millóns de euros, un 5% máis ca no ano anterior.

 

Os estudantes podeN solicitar a bolsa ata o 3 de febreiro a través da sede electrónica da Xunta. Para facelo, deben estar matriculados no curso 2024/25 en calquera grao das universidades públicas de Galicia e ser beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores ou os estudantes sen nacionalidade española que realicen esta estadía nos seus países de orixe.

 

As bolsas funcionan como complemento ás achegadas pola UE para os estudantes que participan neste programa de estadías de entre dous e nove meses. O importe da axuda varía en función do país de destino. Deste xeito, é de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Grecia, Letonia, Malta e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Croacia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Macedonia e Turquía).

 

Ademais, no caso de existir remanente de crédito, adxudicarase unha contía uniforme de 500€ entre as persoas solicitantes que realicen unha estadía igual ou superior a 6 meses, comezando polos expedientes con maior nota media ata esgotar o orzamento.

 

Fóra da Unión Europea

Coa segunda das liñas de axuda, a Xunta apoia a mobilidade dos estudantes galegos en país que non pertencen á Unión Europea. Para eles, a Consellería de Educación destina 284.000€. O importe para cada estudante varía en función do país de destino: 1.700€ para intercambios en Europa e 2.500€ para o resto do mundo. Esta convocatoria pechou xa o período de solicitude e atópase nestes momentos en fase de resolución.