A Xunta amplía as melloras da carreira profesional docente coincidindo co inicio do novo ano 2025

Desde este mes, aplícase a segunda suba salarial nos complementos vencellados a formación, titorías e funcións de responsabilidade como os equipos directivos

Continúase así co cumprimento do acordo de mellora de sistema educativo logo dos aumentos retributivos iniciados en 2024 cun calendario progresivo a tres anos

Mér, 01/01/2025 - 11:53
alumnas sentadas nos seus pupitres nunha aula

Coincidindo co inicio do novo ano, a Xunta de Galicia amplía as melloras da carreira profesional docente tal e como estaba comprometido. Desde a convicción de que o profesorado é o piar fundamental de calquera sistema educativo, dáse un novo paso neste ámbito coa aplicación da segunda fase das medidas pactadas coas organizacións sindicais no acordo de mellora.

 

En concreto, a partir deste 2025, o profesorado galego beneficiarase do aumento retributivo en tres complementos vencellados á formación e ao compromiso con distintas tarefas imprescindibles para o correcto funcionamento dos centros de ensino. Trátase dos complementos por formación permanente, por titorías e por desempeño de funcións de goberno. Todos eles tiveron xa un incremento en 2024 que agora continúa seguindo a folla de ruta prevista con melloras progresivas ao longo de tres anos.

 

No caso do complemento por formación permanente do profesorado, vencellado aos sexenios de antigüidade, prodúcese xa na nómina de xaneiro un Incremento do 10% que se suma ao 10% realizado xa en 2024. Complétase así a suba do 20% pactada.

 

Para o complemento para titores e outras funcións asimilables, o aumento é igualmente do 10% e se engade ao 10% realizado hai agora un ano. Tamén neste caso queda xa rematada a suba do 20% acordada entre a Consellería de Educación e os sindicatos. Finalmente, no que respecta ao complemento por desempeño de funcións de goberno como equipos directivos, responsables de centros pequenos do rural, Inspección e outros postos asimilados, o incremento é de 20€ mensuais, o mesmo que o realizado en 2024. En 2026 completarase, de xeito que nun trienio a mellora será de 60€ ao mes.

 

Un orzamento récord

Para levar a cabo estas medidas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reforza neste novo ano o orzamento que dedica ao cadro de profesorado, que acada nestes momentos as cifras máis altas da súa historia, ao igual que as contas que manexará este departamento, que superan por primeira vez os 3.000 M€.