Román Rodríguez celebra o recoñecemento nacional ao programa EduInspira, impulsado pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou a Cámara de Comercio da Coruña, onde o seu presidente, Antonio Couceiro, lle fixo entrega do premio nacional recibido polo programa EduInspira, impulsado por esta entidade e a Xunta. No transcurso da visita, na que participou tamén a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro celebrou o recoñecemento que supón este galardón para unha iniciativa que celebra este curso xa a súa cuarta edición e na que teñen participado máis de 1.000 alumnos e por riba de 30 centros educativos.
A Cámara de Comercio de España recoñeceu o programa nos seus 3º Premios Nacionais como a mellor iniciativa na categoría de Emprendemento. A iniciativa consiste na organización de charlas motivadoras nos centros educativos, para o que se convida persoas emprendedoras de distintos sectores co fin de que tanto profesorado como alumnado coñeza de primeira man a súa realidade.