O conselleiro de Cultura e Educación anuncia obras de reforma e ampliación do comedor, ximnasio e espazos de administración do CEIP Manuel Respino
Estes traballos completan un investimento no centro no que vai de lexislatura superior aos 91.440 euros e dan resposta a unha vella demanda da súa comunidade escolar
Neste colexio xa se teñen realizado traballos de mellora dos aseos, cubrición de porche e escaleiras
Xesús Vázquez Abad achegouse tamén ao Colexio PabloVI- Fátima, no mesmo concello ourensán
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Manuel Respino, no concello ourensán da Rúa, no que anunciou un investimento de máis de 68.200 euros por parte da Consellería para obras de reforma e ampliación do comedor, ximnasio e zona de administración deste colexio. “Estes traballos – explicou- únense aos que a Consellería xa realizaron no centro, co que o investimento neste centro nesta lexislatura será superior aos 91.440 euros”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, acompañado pola directora do centro, Mª Teresa Fernández Arias, e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego, percorreu este colexio, no que estudan 282 alumnas e alumnos de infantil e primaria, e deu conta das melloras xa realizadas, que consistiron na cubrición do porche e as escaleiras, e remodelación de aseos exteriores.
Aula dixital e fomento da lectura
Neste sentido, o conselleiro salientou o compromiso do departamento que dirixe con este centro educativo, materializado a través deste investimento que redunda nun maior benestar para o conxunto da comunidade escolar.
Este colexio conta ademais este ano cun kit de aula dixital composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector, no marco do acordo subscrito entre a Consellería e a entidade Red.es - dependente do Ministerio de Industria-, polo que se dotará deste equipamento a 782 aulas de centros educativos de toda Galicia.
Vázquez Abad salientou, por outra banda, que este centro ten recibido ademais 4.450 euros como apoio da Consellería para a realización de actividades de fomento da lectura na biblioteca escolar.Así mesmo, investíronse este ano preto de 226.000 euros nos servizos de comedor e transporte escolar para este CEIP.
No marco da súa visita á Rúa, o conselleiro achegouse tamén ao Colexio Pablo VI-Fátima, no que estudan 270 alumnas e alumnos de infantil,primaria, secundaria e bacharelato. Este centro leva dous cursos aplicando o Proxecto Abalar, que xa está integrado nas aulas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Bacharelato, o que beneficia a 82 estudantes, que contan con cadanseu ordenador ultraportátil.