Cultura e Educación e a Fundación Paideia Galiza promocionan estadías formativas prácticas en Alemaña para mozos en programas de cualificación profesional inicial
Grazas á colaboración establecida entre ambos entes, hoxe saíu cara o país xermano por primeira vez alumnos galegos
O obxectivo é a mellora da adquisición de competencias dos currículos educativos dos mozos como complemento á súa formación profesional
A colaboración establecida entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Paideia Galiza e o organismo alemán IBI Institut für Bildung in der Informationsgesellschaft e. V. permitiu que hoxe partira cara a Alemaña un grupo de oito mozos procedentes dos institutos Macías o Namorado (Padrón) e Félix Muriel (Rianxo).
Deste xeito, e tras a entrada por primeira vez da Consellería neste proxecto, adquire o carácter de bidireccionalidade a cooperación que viñan mantendo Paideia Galiza e o antedito organismo alemán, polo que 120 mozos alemáns teñen gozado xa dunha experiencia transnacional en Galicia, consistente en prácticas formativas en empresas, encontros con estudantes galegos e a aprendizaxe de linguas.
A experiencia enmárcase dentro do programa IDA, proxecto promovido polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán no marco do programa federal de “Integración a través do Intercambio”.
Este primeiro grupo de oito estudantes vai acompañado dun titor que supervisará e coordinará ao grupo durante a súa estadía dun mes en Alemaña. O IBI preparou un amplo programa onde se inclúen prácticas diarias en empresas para os mozos galegos, naqueles sectores nos que en Galicia se están a formar profesionalmente, ademais de encontros con outros mozos de diversas nacionalidades que se atopan na súa mesma situación de traxectoria educativa, cursos básicos de iniciación en alemán e encontros deportivos como complemento para a mellora da aprendizaxe lingüístico.
Novas competencias
A iniciativa naceu nunha reunión convocada polo Ministerio alemán o pasado mes de decembro en Berlín, á que asistiron o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e a presidenta de Paideia, Rosalía Mera, e na que o organismo alemán propuxo a bidireccionalidade do proxecto. Así, plantexouse o envío de tres grupos de mozos galegos ao ano, para a realización de estadías prácticas en empresas, como fórmula innovadora para a mellora na adquisición de competencias que redunde nos currículos formativos dos mozos, con distintos perfís en situación de desvantaxe.
O obxectivo principal é proporcionar a mozos galegos, en distintas situacións de desvantaxe (risco de saída dos circuítos educativos, formativos ou en situación de desemprego) unha experiencia transnacional, a modo de cualificación complementaria, que mellore a súa motivación cara a formación e o mundo laboral, amplíe as súas competencias e lles sirva como orientación profesional e como aprendizaxe lingüística a través de estadías prácticas en empresas en Alemaña.
Trátase dunha máis das iniciativas que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad impulsa para mellorar a formación dos estudantes galegos, tendo en conta a importancia de que estes coñezan as realidades de outros países e os seus respectivos sistemas educativos, e interactúen con outras culturas a través de experiencias didácticas e enriquecedoras. Ademais trátase dunha oportunidade para que estes mozos melloren as súas competencias en linguas estranxeiras, outro dos principais obxectivos da Consellería.
Preténdese contribuír, do mesmo modo, a aumentar as competencias dos mozos incrementando as posibilidades laborais nun futuro inmediato, unha vez retornen a Galicia e finalicen os seus correspondentes estudos.
O proxecto “IDA” de acollida, que viñan desenvolvendo a Fundación Paideia e o Institut IBI de Berlín, foi seleccionado entre un total de 69 proxectos como exemplo de boas prácticas.