A Xunta reúnese cos 71 centros públicos que imparten FP na provincia da Coruña para avaliar o seu avance
A directora xeral de FP mantén unha rolda de contactos con responsables de toda Galicia para tratar cuestións como os novos módulos ou a formación práctica
A matricula de Formación Profesional incrementouse nun 6,4% este curso nos centros desta provincia, que supera os 30.000 estudantes
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe no Centro Integrado de FP Compostela cos directores dos 71 centros educativos públicos que imparten ensinanzas de FP na provincia da Coruña. O encontro enmárcase na rolda de contactos que está a manter ao longo da semana cos responsables dos centros das catro provincias para afondar nas novidades destas ensinanzas este curso.
Entre outros asuntos, afondouse en como están a funcionar os novos módulos, así como o novo modelo de formación práctica derivado dos cambios lexislativos a nivel estatal. Así mesmo, abordáronse outras cuestións de carácter xeral de relevancia para os centros educativos, para o alumnado e para as empresas colaboradoras cos ciclos formativos.
Ademais, informouse das modificacións no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou vías de formación non formais, que permitirán que a poboación con experiencia profesional poida acreditar esta experiencia con maior axilidade e facilidade e posteriormente validala por módulos profesionais de títulos de FP. Este procedemento mellora a inserción, a integración e a progresión formativa e profesional das persoas.
Matrícula por comarcas
No transcurso da reunión abordouse tamén o incremento de matriculación na provincia, que conta este curso con 30.211 matriculados na FP, un 6,4% máis ca no ano académico 2023/24. Por áreas, o incremento é do 7,2% na da Coruña (16.113 matriculados en total), do 8,3% na de Ferrol (4.866 matriculados), do 4,4% na de Santiago (7.853 matriculados) e do 2,4% na de Barbanza, Muros e Noia (1.379 matriculados).
Entre as principais novidades da oferta para este ano na provincia destacan os títulos de alta especialización, como o ciclo de grao medio en Instalacións de telecomunicacións e oferta parcial de Sistemas microinformáticos e redes (IES Urbano Lugrís, A Coruña), o de grao superiores en Instalación e mantemento de sistemas conectados a internet (IoT) e oferta parcial de Robótica colaborativa (IES Monte Neme, Carballo), o de grao medio en Mantemento electromecánico e oferta parcial de Elaboración de produtos alimentarios e a dobre titulación de grao superior en Automoción e Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, ambos no CIFP Coroso (Ribeira).
Ademais, implantouse por primeira vez en Galicia o máster de FP en Redacción de contidos Dixitais para Márketing e Vendas, ofertado no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, en Ferrol.