A Xunta aposta polo impulso das ensinanzas artísticas en Galicia con accións para a mellora da innovación
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, inaugura ‘Enfócate’, o primeiro encontro do ensino do audiovisual, a imaxe e o son que reúne 700 estudantes
O Premio Pulitzer Emilio Morenatti ofrece unha clase maxistral para o alumnado, que ten a oportunidade de aprender de recoñecidos profesionais e empresas do sector
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o I encontro de Ensinanzas do sector da imaxe de Galicia, Enfócate, que congrega en Santiago a unhas 700 persoas entre estudantes e profesorado de artísticas e de Formación Profesional dos eidos do audiovisual, a imaxe e o son. Ao longo da xornada poden participarán dunha serie de actividades dirixidas por recoñecidos videógrafos, fotoxornalistas e blogueiros, así como empresas punteiras no sector.
O titular de Educación da Xunta convidou ao alumnado participante a sacarlle o máximo aproveitamento á xornada para “aprender dos mellores profesionais con perspectivas moi enriquecedoras para o seu futuro persoal e profesional”. Neste senso, fixo referencia ao premio Pulitzer de Fotografía Emilio Morenatti, que ofrece unha masterclass neste evento, e a empresas punteiras no sector, aos que agradeceu a súa colaboración na primeira edición deste evento que está chamado a consolidarse no futuro. Xunto a el participan outros nomes destacados como Antonio Garci, Carlos Quezada, Dani Díaz, Manuel San Frutos, Mara Saiz, Paco Rocha, Santi Veiga e Tony Martín.
Román Rodríguez gabou a aposta da Xunta polo impulso das Ensinanzas Artísticas como unha formación “de primeiro orde académico” xa que delas “se nutre a canteira da cultura e da industria creativa do noso país”. A este respecto, reiterou o compromiso de avanzar nunha formación “de calidade e innovadora” á que contribúen eventos como o de hoxe, onde profesionais e empresas comparten os seus coñecementos e experiencias cos estudantes a través de obradoiros e clases maxistrais de representantes de firmas recoñecidas como Sony, Canon España, Godox España ou Fufijfilm Europe, entre outras.
Novas medidas de impulso
O representante de Educación do Goberno galego referiuse tamén a iniciativas que blindan a igualdade de oportunidades como é a gratuidade da matrícula para todos os estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores, "unha medida pioneira en todo o Estado que puxemos en marcha por primeira vez este curso”, ou accións como a feira InnovArt, que este curso celebrará a súa terceira edición, a incorporación do plurilingüismo ás ensinanzas de Artes plásticas e deseño ou a apertura das escolas de arte aos premios a proxectos de innovación da FP, entre outros.
Impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Enfócate ten como principal obxectivo dar visibilidade aos programas educativos relacionados co sector audiovisual, imaxe e son e, ao mesmo tempo, compartir formación específica impartida por profesionais deste ámbito.
No evento participan alumnos e profesores dos centros integrados de Formación Profesional CIFP Imaxe e Son (A Coruña), CIFP Audiovisual de Vigo, CIFP A Farixa (Ourense), os Institutos IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Saturnino Montojo (Ferrol) e IES Virxe do Mar (Noia) e as catro escolas de Arte e superiores de Deseño que temos en Galicia: EASD Pablo Picasso (A Coruña), EASD Mestre Mateo (Santiago de Compostela), EASD Ramón Falcón (Lugo) e EASD Antonio Faílde (Ourense).