Innovatech FP duplica este curso o número de empresas participantes para lanzar retos a 69 centros
Román Rodríguez sinala este programa como unha oportunidade para que o alumnado responda ás necesidades reais do tecido produtivo
Increméntase o número de alumnos participantes, que pasa de 600 na primeira edición a preto de 1.000 este curso
O obxectivo deste programa é conectar ao alumnado de FP co sector empresarial mediante a innovación, a tecnoloxía e o emprendemento
O Centro Eduardo Barreiros, en Ourense, dará orientación e apoio aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no lanzamento dos novos retos da II edición do programa InnovaTech FP, que duplica o número de empresas participantes tras o éxito da súa primeira edición. Este curso, un total de 20 firmas punteiras proporán retos tecnolóxicos ao alumnado participante para que busquen solucións innovadoras que teñan un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade.
Acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, o titular de Educación resaltou a importancia de “responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, polo que o programa InnovaTech FP é unha oportunidade para todos os participantes”. Tras incrementar os participantes que se suman a esta segunda convocatoria, o representante do Goberno galego afirmou que o propósito final deste programa “é que todos os centros educativos de FP conten con liñas de investigación, innovación e emprendemento dentro da súa oferta programática”.
Deste xeito, InnovaTech FP busca conectar ao alumnado co sector empresarial mediante a innovación tecnolóxica e a transferencia de coñecemento. Para iso, os centros participantes, que este ano son 69, abordarán os retos propostos traballando en equipos multidisciplinares compostos por catro persoas, que deberán ser mixtos, co que se busca a integración de habilidades e coñecementos complementarios, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Nesta segunda edición participarán 940 alumnos, o que supón un incremento de máis do 50% no número de estudantes que se implican nesta iniciativa, fronte aos 600 do curso pasado. Estarán acompañados nesta actividade por 240 docentes.
As empresas e retos propostos que forman parte desta segunda e que deberán abordar os estudantes son os seguintes:
EMPRESA |
RETO |
Naturgy |
Solucións sostibles para a xestión de palas de aeroxeradores en desuso |
L’Oreal |
Plataforma dixital para mellorar a empregabilidade e adaptación ás novas tendencias no sector da imaxe persoal |
Viaqua |
Mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con intelixencia artificial |
Roberto Verino |
Optimización da xestión de inventarios no sector da moda mediante intelixencia artificial |
Finsa |
Valorización das cinzas resultantes da combustión de biomasa |
El Pulpo |
Plataforma de economía circular mediante intelixencia artificial para o sector da moda |
Pérez Rumbao |
Sistema integral de localización e xestión de vehículos en talleres de automoción |
Fundación San Rosendo |
Solucións tecnolóxicas para fomentar a motivación e participación en terapias de rehabilitación |
Diesemm |
Plataforma dixital para a xestión optimizada de recursos e persoal en grandes eventos |
Coca-Cola |
Redución do consumo de auga no proceso de pasteurización de refrescos |
Repsol |
Sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química |
Navantia |
Mellora da inspección e control na construción modular de buques |
Santos Equipamento de Interiores |
Sistema de embalaxe ecolóxico para a protección de mercadorías no transporte internacional |
Zendal |
Método in vitro para a cuantificación de toxoides na produción de vacinas |
Grupo Cuevas |
Mellora do proceso de pelado de castañas para a elaboración de marrón glacé |
Offshore Windwaves |
Sistema remoto para a inspección e reparación de soldaduras en tubaxes de difícil acceso |
Grupo Gestán |
Produtos alternativos para reducir a estacionalidade nas plantas de biomasa |
Quescrem |
Optimización da xestión de lodos orgánicos obtidos na produción de biogás |
EMAFESA |
Sistema automático para a detección e control de fugas de auga en tempo real |
BOAGA |
Solución dixital para a automatización das medidas zootécnicas do gando |
Para o desenvolvemento das propostas, o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros prestará apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.
O programa, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, está deseñado para dotar ao alumnado de habilidades prácticas, preparándoos así para o seu futuro profesional. “É un programa revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica dos futuros profesionais”, remarcou Román Rodríguez, quen animou a todos os integrantes da Formación Profesional a seguir avanzando ao ritmo das necesidades das empresas e dos retos da sociedade actual. Ademais, o conselleiro considera que o programa fomenta a creatividade e a capacidade de innovación, promove o traballo en equipo, incrementa a motivación e o compromiso do alumnado, estimula o espírito emprendedor e facilita a creación de lazos co sector industrial.