A Consellería de Cultura e Educación converte mañá o Museo de Galicia en escenario de concertos co Galician Connection ao Vivo

Este espazo estréase como escenario de concertos con esta actuación única a cargo do mestre cubano Paquito D’Rivera, Emilio Solla, Sandeep Das, Josep Vicent, Guadi Galego e Anxo Pintos baixo a dirección artística de Cristina Pato

As entradas para Galician Connection ao Vivo poden mercase ata hoxe ás 14:00 horas en www.servinova.com a un prezo de 12€+gastos de xestión e a partir das 12:00 horas de mañá venres no despacho de billetes do Museo a 15€

Esta actuación serve de colofón do programa formativo excepcional cos grandes mestres da World Music que se desenvolve na Cidade da Cultura desde onte

Xov, 12/04/2012 - 16:47
A Consellería de Cultura e Educación converte mañá o Museo de Galicia en escenar
A Consellería de Cultura e Educación converte mañá o Museo de Galicia en escenario de concertos co Galician Connection ao Vivo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o desenvolvemento do Galician Connection, Xornada Internacionais de músicas do mundo que estase a realizar desde onte na Cidade da Cultura.

Neste marco o Museo de Galicia da Cidade da Cultura estrearase mañá, venres 13 de abril, como escenario de concertos co Galician Connection ao Vivo, unha actuación exclusiva que reúne a seis grandes mestres da World Music. O recoñecido músico cubano e gañador de doce Grammys Paquito D’Rivera, o arxentino Emilio Solla, o indio Sandeep Das, o valenciano Josep Vicent e os galegos Guadi Galego e Anxo Pintos, baixo a dirección artística de Cristina Pato.

Galician Connection ao Vivo é un concerto que ningún amante da World Music debe perderse. Os músicos convidados e a propia Cristina Pato interpretarán un repertorio único orquestrado ao longo das tres xornadas de convivencia na Cidade da Cultura formado por pezas de cada unha das tradicións e culturas que representan.

Concerto único

Como mostra final do proceso creativo, da capacidade interrelacional entre as disciplinas musicais presentes no elenco de convidados de Galician Connection, ábrese ao público, en modo de concerto único no que se viaxará a través dos estilos e culturas dos artistas convidados: Galicia, Cuba, India, Arxentina; jazz, clásica, world music... Un concerto no que a colaboración, a comunicación e o poder da música como linguaxe global son as bases do concerto.

Todo nun escenario de luxo como é o Museo de Galicia, que acolle o seu primeiro concerto ás 21:00 horas. As entradas poderán mercarse ata hoxe ás 14:00 horas en www.servinova.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión e a partir das 12:00 horas de mañá, venres, no despacho de billetes habilitado no Museo de Galicia a un prezo de 15 euros.

Encontros “cara a cara” e asistencia a ensaios

Galician Connection ao Vivo serve de colofón ás tres xornadas nas que músicos, intérpretes e amantes da World Music puideron compartir experiencias no marco dun programa de formación exclusivo impartido polos seis Mestres convidados. Tamén se desenvolveron foros de debate, asistencia a ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns. Ademais haberá encontros "cara a cara" como os que se celebrarán esta tarde, onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal.

Ademais, Galician Connection celebrou o mércores á tarde o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible no que responsables de festivais como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India abordaron estratexias de posicionamento da música galega no mercado internacional, a elaboración das programacións dos eventos de prestixio ou modelos e experiencias de programación sostibles.

Menús News node R

Tema