A Xunta comezará en 2025 a construción do novo instituto Domingo Villar, en Vigo, o primeiro deseñado en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica

Conta cun investimento de 19M€, un 36% máis do previsto, e un prazo de execución de 24 meses desde que se contrate a obra e se conte coa licenza municipal

Terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m²

Os seus espazos serán flexibles e versátiles e estará completamente integrado na contorna, aproveitando a masa arbórea autóctona xa existente

Xov, 05/12/2024 - 14:24
v

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou hoxe o proxecto do novo Instituto IES Domingo Villar, que o Goberno galego comezará a construír no barrio vigués de Navia en 2025. O instituto, o primeiro de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica, conta cun investimento de 19M€ e un prazo de execución de 24 meses desde que se contrate a obra e se conte coa licenza municipal.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a aposta do Goberno galego pola construción deste centro. “Non foi doado, houbo que superar dificultades urbanísticas, pero coa implicación de todos estamos xa a piques de facer realidade este proxecto”, afirmou Román Rodríguez.

Neste sentido, sinalou como proba do compromiso da Xunta con este novo instituto a mellora significativa no seu deseño. “Non en balde, acabamos de incrementar o orzamento en 5M€, un 36%, para dar cabida ás melloras introducidas no proxecto. Unhas  medidas que atinxen tanto á eficiencia enerxética do centro, que consumirá un 30% menos de enerxía que outros edificios similares; como á súa integración na contorna, creando un gran espazo verde para a comunidade educativa”, detallou.

Unha vez supervisado o proxecto básico, a cargo da Unión Temporal de Empresas Iglesias Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectos e que se informou no Consello da Xunta desta semana, a Consellería de Educación vai remitilo agora ao Concello de Vigo para obter a licenza. “Namentres, continuamos traballando no proxecto de execución co obxectivo de licitar e adxudicar as obras”, afirmou o conselleiro. 

Espazos versátiles

O Instituto IES Domingo Villar de Vigo terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m², divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca.

A organización espacial será flexible e versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables, na liña dos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así mesmo, o centro contará con foros, espazos polivalentes centrais e comúns que permiten expandir as aulas para poder compartir traballos ou experiencias.

O novo edificio estará organizado na zona de aulas en seis grupos didácticos para cada curso de ESO ou Bacharelato. Cada un deles inclúe as catro aulas do mesmo curso, a de desdobre e o foro correspondente. As clases teñen a posibilidade de agruparse dúas a dúas por medio de tabiques móbiles. Os foros, zona de traballo común para todos os grupos do mesmo curso, poderán ampliarse retirando o tabique móbil que o separa da aula de desdobre para adaptar o espazo a cada circunstancia que xorda. 

Eficiencia e integración na contorna

Na procura da eficiencia enerxética, as carpinterías exteriores na fachada sur das zonas en contacto cos patios contan cun beiril que protexe da incidencia solar cando este está alto, o que permite a entrada de luz e ganancias térmicas nos meses fríos e limitan o sobrequecemento no período estival. Ademais, todas as aulas e zonas sensibles dispoñen de protección acústica, debido á proximidade da vía de alta capacidade.

O proxecto integra a masa arbórea situada ao norte da parcela, de especies autóctonas con valor ambiental e paisaxístico. Este espazo funcionará como eixo vertebrador das circulacións do novo centro e como un patio verde. Ademais, para separar o centro da vía de alta capacidade próxima, proxéctase un talude vexetal e unha barreira de árbores novas. O centro estará dotado tamén cunha zona de aparcamento de bicicletas, inmediata ás novas ciclovías do barrio de Navia, para apoiar a nova mobilidade de proximidade.

Accesibilidade e inclusión

O novo edificio será accesible e inclusivo, evitando as barreiras ás persoas con mobilidade reducida e evitando factores discriminatorios. Prevese a colocación de sinalética e grafismos de tamaño e cor moi visibles que aclaren os itinerarios dentro do edificio.