O secretario xeral técnico de Cultura e Educación deu a coñecer a situación do novo IES de Carral ao alcalde de dito concello

Durante o encontro Jesús Oitavén indicoulle a José Luis Fernández Mouriño que neste momento está a tramitar a aceptación dos terreos por parte de Facenda

Ao longo deste mes publicarase na plataforma de contratación os termos nos que se contrataran os servizos relativos ao proxecto básico e de execución

Xov, 12/04/2012 - 16:38

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén mantivo hoxe pola maña un encontro co alcalde do concello de Carral, José Luis Fernández Mouriño por mor da construción do futuro IES de Carral.

Durante o encontro o secretario sinalou que nestes momentos o proceso de tramitación para a adaptación dos terreos cedidos para a construción do centro está en Facenda. Asemade o alcalde de Carral foi informado de que ao longo do presente mes se publicará, na plataforma de contratación, os termos en virtude dos cales serán contratados os servizos tanto do proxecto básico como de execución da obra. Deste xeito continúase a dar resposta a unha demanda xa reflectida no programa de necesidades, que data de outubro de 2007.

O novo IES

O novo centro servirá como complemento ao actual CPI Vicente Otero Valcárcel, respondendo a alta demanda de escolarización existente no concello. O novo IES acollerá oito unidades destinadas a alumnos e alumnas da E.S.O.