Galicia reforzará a aprendizaxe de matemáticas desde Infantil para seguir mellorando nesta competencia
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reúnese co comité técnico de expertos que contribuirá a guiar este proceso ao longo dos vindeiros catro cursos
A Xunta presentará este programa antes de final de ano, tal e como estaba comprometido, dentro das accións do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia
A nosa Comunidade sitúase 13 puntos por riba da media española na competencia matemática en PISA, unha posición que o Goberno galego quere reforzar aínda máis
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do grupo de expertos en Matemáticas co obxectivo de ultimar o programa de mellora que a Xunta de Galicia vai desenvolver nos centros educativos durante os vindeiros catro cursos. O programa, que se presentará antes de final de ano como estaba comprometido, buscará reforzar a aprendizaxe de Matemáticas desde a etapa de Infantil para seguir mellorando nesta competencia. Para iso, contarase cun comité técnico de especialistas nesta materia.
Na xuntanza, na que o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, analizáronse distintas propostas e o grao de desenvolvemento das mesmas para a súa aplicación nas aulas. En particular, quérese incidir no estímulo e no achegamento ás Matemáticas desde as idades máis temperás para facilitar despois o seu desenvolvemento nas etapas de Primaria e Secundaria.
Neste senso, incidirase tamén nas metodoloxías de aprendizaxe empregadas, apostando por opcións didácticas innovadoras e por aquelas que mellor están funcionando xa nos centros, de xeito que poidan ser de aplicación no conxunto da rede. Así, facilitarase a motivación do alumnado e o acompañamento necesario. Ademais de contar con este comité de expertos, a Xunta tamén implicará ás facultades de Educación neste traballo co obxectivo de fomentar as Matemáticas desde a formación inicial dos docentes, que terá a súa continuidade na formación permanente a través dos plans da Xunta.
O programa de reforzo da competencia matemática é unha das accións integradas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, posto en marcha a comezo deste curso escolar e que inclúe unha ampla batería de medidas de apoio aos estudantes co fin de afondar nun modelo educativo que está funcionando en Galicia con recursos e resultados. No caso concreto de Matemáticas, o último informe PISA sitúa a Galicia 13 puntos por riba da medida española, unha posición que o Goberno galego quere reforzar aínda máis, na senda doutras competencias como as Ciencias, onde Galicia é líder a nivel nacional.
Desde mestres a catedráticos
Tal e como explicou o conselleiro, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar o rendemento do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao xeito de aprender de cada un. Así pois, trabállase no proceso de ensino-aprendizaxe competencial das matemáticas, na identificación e difusión de boas prácticas ao respecto e na dotación aos centros de recursos axeitados para tal fin.
O comité técnico de apoio e asesoramento nesta materia está integrado por catedráticos e profesores titulares das universidades públicas galegas, por profesores de Secundaria da Comunidade e mestres de Educación Primaria que forman parte da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), inspectores e persoal técnico do departamento de Avaliación da Consellería de Educación, co obxectivo de ter unha visión global que posibilite un programa integral con capacidade de desenvolverse ata 2028.