Oito centros galegos, galardoados nos II Premios ConVivimos a prol da convivencia e o benestar nas aulas

O primeiro premio, na categoría de Primaria, é para o colexio Plurilingüe de RIomaior (Vilaboa), mentres que na de Secundaria, recae no Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense)

Tamén resultaron premiados os colexios Plurilingüe Virxe do Carme (Burela), CEIP do Foxo (A Estrada) e o Plurilingüe Pilar Maestu Sierra (A Proba do Caramiñal), e os institutos de Poio, Auga da Laxe (Gondomar) e David Buján (Cambre)

A finalidade é destacar aquelas actuacións e proxectos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional

Dom, 01/12/2024 - 13:38
c

A Xunta de Galicia, comprometida coa convivencia e o benestar nas aulas, recoñece o traballo e compromiso de oito centros educativos nesta área a través da segunda edición do Premio ConVivimos, unha das medidas incluídas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere destacar aquelas actuacións e proxectos desenvolvidos desde os centros educativos galegos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional, así como para visualizar o esforzo realizado polos centros neste eido.

Os centros premiados na categoría A, destinada a centros de Educación Primaria, son o colexios CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), que acada o primeiro premio; o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Burela), que se fai co segundo galardón; o CEIP do Foxo (A Estrada), que leva o terceiro premio, e o CEP Plurilingüe Pilar Maestu Sierra (A Proba do Caramiñal), que obtén a mención de honra.

No caso dos centros pertencentes a categoría B, destinada aos de Secundaria -abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial-, o Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) acada o primeiro premio, mentres que o segundo galardón recae no Instituto de Poio, seguido do terceiro para o IES Auga da Laxe (Gondomar). A mención de honra é para o IES David Buján (Cambre).

Os centros galardoados co primeiro premio reciben 5.000 euros, mentres que o segundo premio conta con 2.500 euros e o terceiro con 1.000 euros. Os centros que logran a mención de honra obteñen 500 euros.

 ‘Xirarei polo Morraso’ do colexio Riomaior

O CEP Plurilingüe de Riomaior de Vilaboa obtén o primeiro premio na categoría de centros de Primaria polo seu proxecto Xirarei polo Morraso. Con este traballo, o centro pretende mellorar a convivencia, a práctica de exercicio físico cara á mellora do benestar físico e emocional e o deseño universal da aprendizaxe. Estas son as liñas prioritarias do centro a través dun traballo internivel, gamificado e por ámbitos competenciais, tendo como eixo dinamizador a biblioteca escolar. Para lograr estas melloras realizáronse charlas para o alumnado, actividades sobre sensiblización e titorías entre iguais, así como mediación escolar.

‘Educar para ben estar’ do CIFP A Carballeira

Na categoría de centros de Secundaria, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense acada o primeiro premio co seu traballo Educar para ben estar, centrado no fomento da convivencia e benestar emocional, o respecto e a igualdade. O centro desenvolve, a través deste proxecto, actuacións centradas na formación do profesorado e do alumnado en mediación de conflitos, na realización de xornadas de convivencia a través do deporte, mesas redondas para traballar sobre a visibilidade de diferentes colectivos e clubs de lectura para concienciar sobre o respecto e a igualdade, entre outras accións.