Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do instituto IES Alfredo Brañas de Carballo por case 1,8 M€
Destaca que as obras se enmarcan no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que xa se investiu case 1 M€ en melloras nos centros educativos de Carballo
A nova actuación licitarase antes de que remate o ano e incluirá melloras na eficiencia enerxética e confort térmico do centro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o Instituto IES Alfredo Brañas de Carballo para anunciar a rehabilitación integral do centro. Cun orzamento de case 1,8 M€, a actuación ten como obxectivo mellorar o confort térmico do edificio e, como consecuencia, o día a día de alumnos e docentes, ao tempo que se consigue unha maior eficiencia enerxética e un menor consumo.
Tal e como explicou o conselleiro, a intervención enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que conta cun orzamento inicial de 200 M€ para os vindeiros catro anos. “Na primeira fase deste plan investimos case 1 M€ nos centros educativos de Carballo, con obras tan demandadas como o salón de actos deste mesmo instituto”, explicou Román Rodríguez. Tamén se acometeu a instalación térmica e fotovoltaica do Instituto IES Monte Neme e melloras na cuberta do Colexio CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo, entre outras.
Esta nova actuación licitarase por anticipado de gasto antes de que remate o ano. A previsión é que os traballos poidan comezar no segundo trimestre de 2025.
Cambio de 300 fiestras e 729 luminarias
A intervención prevista no IES Alfredo Brañas inclúe a colocación de sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nos 4.545 m² que abranguen. Así mesmo, instalarase unha nova cuberta de panel sándwich con illamento térmico na cuberta do bloque de ampliación do centro e da pasarela de acceso ao módulo principal e mudarase unha pequena zona da do edificio principal, en total 602 m² de nova cubrición. Tamén se colocarán novos canlóns e baixantes.
No que atinxe ás fiestras, cambiaranse 300 unidades, 1.016 m², que serán de aluminio en anodizado natural con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade. Substituiranse tamén as persianas, así como as carpinterías interiores, un total de 149 portas, que serán de laminado fenólico.
A maiores, mudaranse 729 luminarias por unhas novas de tipo led, colocarase falso teito rexistrable nas aulas do módulo de ampliación (que ata o momento carecen del) e realizaranse tarefas de pintado nas zonas afectadas pola rehabilitación.
Atención ás demandas da anpa
Coincidindo coa súa visita, o conselleiro atendeu a un grupo de representantes da anpa do Colexio CEIP de Bergantiños, que quixo trasladarlle as súas demandas. O titular de Educación escoitou as súas propostas e explicou que a organización do centro se realiza en base aos informes da Inspección Educativa, que avalan que o profesorado destinado é correcto. De feito, mesmo está por riba do catálogo fixado. Nese senso, os técnicos desbotan que exista un problema de masificación, pois as aulas atópanse dentro das rateos e mesmo moitas delas están moi por debaixo.