A Xunta reivindica a importancia da educación emocional nas aulas

O conselleiro de Educación participa na presentación do libro ‘La escuela del ser y del querer (ser). Semillas de vida y de futuro desde infantil’ de Ángeles e Isabel Abelleira

Xov, 28/11/2024 - 13:03
l

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro La escuela del ser y del querer (ser). Semillas de vida y de futuro desde infantil das mestras Ángeles e Isabel Abelleira. Esta guía docente “achéganos a entender o paso polo colexio como un episodio humano, no que é fundamental descifrar o progreso sen perder de vista a importancia da educación emocional”, sinalou o representante da Xunta de Galicia.

Neste sentido, o titular de Educación reivindicou a importancia de crear sinerxías entre os valores humanos e as novas ferramentas que brindan as novas tecnoloxías e o progreso. “Este curso iniciamos un novo camiño que, a través dunha batería de medidas, estamos a vivir a maior modernización do sistema educativo nos últimos 30 anos”, remarcou Román Rodríguez. “É importante que saibamos aproveitar o momento e afrontar os retos actuais da sociedade sen esquecer esa visión humanística na que os valores de solidariedade, equidade, traballo en equipo e un longo etcétera son tan fundamentais como a adquisición de coñecementos por parte do alumnado”, engadiu.

Con esta obra, as irmás Abelleira achegan a súa experiencia nas aulas tras tres décadas educando aos máis cativos e amosan a importancia de ter sempre presente a educación emocional, na que o traballo conxunto entre alumnado, docentes e familias é fundamental para formar aos adultos do futuro.