Cultura e Educación favorece o diálogo intercultural a través das músicas do mundo no Galician Connection

O secretario xeral de Cultura deulles hoxe a benvida aos participantes nestas xornadas sobre músicas do mundo, que recibirán un programa formativo exclusivo de sete grandes mestres como o cubano Paquito D’Rivera e baixo a dirección artística de Cristina Pato

John X. Fernández, Joan A. Carach, Sandeep Das e Antón Martínez debaterán as claves de exitosos modelos de programación musical no Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible

Galician Connection prolongarase na Cidade da Cultura desde hoxe ata o venres, cando o Museo de Galicia acollerá o concerto de clausura. As entradas poden mercarse en www.servinova.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión

Mér, 11/04/2012 - 14:00
O secretario xeral de Cultura deulles hoxe a benvida aos participantes nestas xo
O secretario xeral de Cultura deulles hoxe a benvida aos participantes nestas xornadas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne na Cidade da Cultura, desde hoxe e ata o venres, sete dos grandes mestres da World Music e destacados responsables de festivais internacionais no marco de Galician Connection. Xornadas internacionais de músicas do mundo, que arrancou esta mañá no Gaiás.

Coordinado pola artista Cristina Pato e coa colaboración especial de Paquito D’Rivera –unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de doce Grammys–, Galician Connection ofrecerá ao longo destas tres xornadas un programa formativo exclusivo con clases prácticas e encontros con grandes mestres da World Music, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia.

“Serán tres días nos que o Gaiás reunirá a músicos galegos e doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativo a través da música”, asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a apertura do Galician Connection. Acompañado da directora artística do evento, a artista Cristina Pato, o secretario xeral foi o encargado de darlles a benvida aos participantes nestas xornadas e aos sete músicos convidados, figuras punteiras de músicas tradicionais de China, Asia ou Arxentina como Wu Tong, Sadeep Das ou Emilio Solla; o percusionista e director da The World Orchestra, o valenciano Josep Vicent; e destacados representantes da música galega como Anxo Pintos e Guadi Galego. Un elenco de luxo que se completa coa participación especial de Paquito D’Rivera, un referente indiscutible da música cubana.

A World Music desde a programación

Xunto con eles, na primeira xornada do Galician Connection, a Consellería de Cultura e Educación leva ata o Gaiás catro responsables de festivais de relevancia internacional pola súa concepción, solidez e grao de internacionalización no marco do Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible. Entre eles estará John X. Fernández, produtor da APAP (The Association of Performing Arts Presenters) Conference de Nova York, unha das feiras das artes escénicas máis importantes do mundo; Joan A. Cararach, director do Festival Internacional de Jazz de Barcelona desde 2003, un dos máis prestixiosos eventos jazzísticos de Europa con máis de corenta anos de andaina; o propio Sandeep Das, mestre da táboa india e director do The Hum Ensemble que, ademais dun festival, é unha plataforma multicultural que conecta as músicas do mundo; e Antón Martínez, director do Festival Son de Cuba que percorre anualmente as principais cidades e vilas alemás.

Moderado por Cristina Pato, este foro pretende abordar a música como factor de desenvolvemento económico e social, analizar os condicionantes e claves á hora de elaborar programacións musicais cun gran valor engadido para artistas e públicos e estudar  estratexias de posicionamento internacional das diferentes músicas do mundo, con especial dedicación á música feita en Galicia. 

Formación da man de grandes mestres

Ademais da asistencia a ensaios e clases prácticas como os celebrados na mañá de hoxe, os inscritos en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns a través de encontros, como os que se levarán a cabo na xornada de mañá, xoves. Neles, cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal.  Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que mesturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.

Galician Connection ao Vivo

O Museo de Galicia estrearase tamén o venres como escenario para concertos co Galician Connection ao Vivo, un concerto exclusivo no que viaxaremos a través dos estilos e culturas dos artistas convidados e que terá como bases a colaboración, a comunicación e o poder da música como linguaxe global. Un repertorio único orquestrado ao longo das tres xornadas de convivencia na Cidade da Cultura formado por pezas de cada unha das tradicións e culturas que representan os músicos convidados e que compartiron durante estas tres xornadas.

As entradas para a asistir a este concerto de clausura poden mercarse en www.servinova.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión ou no propio despacho de billetes da Cidade da Cultura media hora antes do evento a un prezo de 13 euros.

Menús News node R

Tema