Román Rodríguez apoia o proxecto científico do alumnado do instituto IES Carlos Casares de Vigo
O centro vigués presenta a súa iniciativa de creación dun motor alimentado por hidróxeno que busca avanzar cara o transporte sostible
Os estudantes representarán a Galicia na Expo Belgian Science en marzo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe o Instituto IES Carlos Casares de Vigo para coñecer o proxecto dun grupo de alumnos que traballan no desenvolvemento dun motor de hidróxeno como alternativa sostible aos combustibles fósiles. A iniciativa foi recoñecida con premios a nivel nacional e internacional.
Durante a súa visita, os estudantes Anxo Lamela, Brais Outerelo, Daniel Rodríguez, Icía Carreira e Roque Miguéns presentaron ao conselleiro o proxecto que combina o deseño dunha hidroxenera propia para producir hidróxeno e a adaptación dun motor de combustión para funcionar con este gas no canto de gasolina. Desta maneira, a tecnoloxía, que xera unicamente auga como residuo, aposta pola reciclaxe de vehículos actuais e a redución de materiais contaminantes. Esta investigación xa deu resultados prometedores e busca afondar no seu desenvolvemento grazas a novos apoios.
Apoiar á ciencia e á innovación
Román Rodríguez destacou que este proxecto é un claro exemplo do compromiso da Xunta co fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas, áreas claves para o futuro de Galicia. “Este tipo de proxecto sorprende pola súa capacidade analítica e o desenvolvemento científico, é certo que Galicia, segundo o informe PISA é a comunidade autónoma que ten o mellor nivel de ciencia no conxunto de España”, subliñou o conselleiro de Educación.
O representante da Xunta tamén remarcou a importancia dos logros acadados por este proxecto. Por iso, o conselleiro anunciou o apoio económico da Xunta para que os catro estudantes poidan representar a Galicia na Expo Belgian Science o 28 e o 29 de marzo de 2025. O equipo prevé unha visita a un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Valencia para mellorar o prototipo e avanzar na súa investigación.
Este instituto de Vigo tamén participa en programas impulsados pola Consellería para a promoción de vocacións científicas e tecnolóxicas, como o Club de Ciencia e Polos Creativos.