Román Rodríguez coñece os proxectos do centro de promoción rural EFA Fonteboa e os seus ciclos de Gandaría e asistencia animal

O titular de Educación destaca o impulso á formación no rural durante a súa visita ao centro

Mar, 26/11/2024 - 15:32
Román nunha aula falando con profesores e co alumnado nos seus pupitres

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco, para coñecer de primeira man o ciclo superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal, así como outros proxectos sinalados que realiza esta institución. Entre eles, destaca o estudo sobre a análise e corrección de deficiencias de nutrientes en terras agrícolas, que busca mellorar a fertilización e optimizar a produción.

 

Román Rodríguez salientou a relevancia deste centro educativo, que acolle a máis de 500 estudantes distribuídos en 12 ciclos formativos, incluíndo modalidades semipresenciais e a distancia. A vocación innovadora e comprometida da EFA Fonteboa co medio rural foi recoñecida con galardóns como o Premio Aresa en 2022, concedido polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela.

 

O titular de Educación da Xunta subliñou as oportunidades que ofrece o ciclo superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal, como as estadías de 10 semanas en empresas gandeiras e veterinarias de Irlanda a través do programa Erasmus+. Ademais, os estudantes deste curso realizan 12 semanas de prácticas no primeiro ano e, no segundo, participan na formación dual, con prácticas remuneradas entre xaneiro e xuño. O ciclo inclúe tamén a obtención de acreditacións en Benestar animal e outros certificados profesionais de gran valor no mercado laboral.

 

Compromiso co ensino rural

Ademais, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento do rural, un dos piares identitarios da Comunidade, e subliñou que o sistema educativo garante as mesmas oportunidades a todo o alumnado, independentemente do lugar onde resida ou estude. Con esta visita, o titular de Educación mostra o apoio da Consellería ás iniciativas que fomentan a formación e a innovación no ámbito rural, cunha oferta educativa de calidade e adaptada ás necesidades actuais.