Cultura e Educación apoia ao audiovisual galego na súa destacada participación no Festival de Cine de Málaga

As 17 producións galegas que participarán nesta XV edición dan boa conta do excelente momento que esta a vivir o audiovisual producido en Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistirá a este certame para contribuír á promoción dos filmes galegos

Mér, 11/04/2012 - 11:50
Cartel do festival
Cartel do festival

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará un ano máis ao audiovisual galego na XV edición do Festival de Málaga Cine Español (FMCE), referente de excepción para o cinema nacional, que se celebrará na cidade andaluza do 21 ao 28 de abril. Nesta edición, as producións galegas acaparan a programación cun total de 17 obras entre a sección oficial e de exhibición, todo un record de participación que reflicte a calidade e o excelente momento que está a vivir a industria cinematográfica galega.

A Xunta de Galicia, a través das axudas á produción da Agadic, e das axudas á internacionalización do audiovisual da Consellería de Economía e Industria, demostra unha vez máis o firme compromiso co cine galego. Asemade, está previsto que o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asista ao Festival de Málaga para deixar constancia do seu apoio á promoción das producións galegas.

Nesta XV edición do Festival de Cine de Málaga serán 13 as películas que competirán pola Biznaga de Ouro na ‘Sección Oficial’, das cales sobresaen tres producións galegas: El sexo de los ángeles (do veterano realizador Xavier Villaverde) e O Apóstolo, (de Fernando Cortizo, director debutante en Málaga), que competirán pola categoría de longametraxes; e Anacos (do santiagués Xacio Baño) na de curtametraxes.

Na ‘Sección Documental’ concursarán dúas longas galegas: Nacional VI (da produtora Diplodocus Produción) e A muller do eternauta (de Frida Films). Doutra banda, no apartado especial, exhibiranse os documentais Los días blancos (de José Manuel Mouriño) e Brasil somos nós(do director Robert Bellsolá e protagonizado polo músico Carlos Núñez).

Na nova sección específica de animación, ‘Animazine’, competirán 7 producións galegas: a  longametraxe Holy Night - Noche de ¿paz? (de Juan Galiñanes) cuxa proxección suporá ademais a súa estrea mundial; e as curtas Birdboy (de Alberto Vázquez), galardoada co Goya á mellor curta de animación; El clubdel bromista (do Estudio Luis Usón); O xigante (de Abano Producións); Rascayú (de Otii Planet); O Sapateiro e Vicenta (ambas de IB Cinema).

Na sección especial de ‘La cosecha del año’ exhibirase o filme de animación Arrugas (da produtora coruñesa Perro Verde), galardoada con dous premios Goya. Ademais, no apartado ‘Cine para la infancia: animación’, proxectarase outra película de produción galega: Copito de nieve. O filme galego Celda 211 (de Daniel Monzón) exhibirase na sección ‘Homenajes: Premio Ricardo Franco-Academia de Cine. Roque Baños’.

A animación cobra protagonismo

Este ano organízanse seccións paralelas especiais, como ‘Animazine’, un apartado novo apartado dedicado á animación, que nace coa colaboración do FestivalconDiboos (Federación Española de Asociaciones de Productoras de Animación), debido ao gran momento que está a experimentar este xénero en España. Un bo exemplo da auxe da animación son as recentemente galardoadas producións galegas Arrugas e Birdboy, que este ano recibiron tres premios Goya e importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional. Doutra banda, destaca a inclusión por primeira vez entre as longametraxes a concurso, dun filme deste xénero, O Apóstolo, da tamén produtora galega Artefacto Producciones.

A cita máis importante para o celuloide español

O festival de Málaga supón a mostra máis importante para o cinema nacional na que, ademais de proxectarse os filmes españois máis relevantes do ano, tamén se premia ás mellores producións, celébranse debates e encontros nos que se trata a situación actual do sector, así como clases maxistrais e outras actividades, co obxectivo de difundir e promocionar a cinematografía española.

Asemade, abriuse unha colaboración especial co prestixioso Festival des Films du Monde de Montreal (Canadá), clasificado como tipo A (categoría á que pertencen Cannes, Berlín, Venecia ou San Sebastián), pola que a edición deste ano ábrese á industria cinematográfica internacional, traendo a Málaga unha selección dos mellores filmes da última edición canadense.