Román Rodríguez anuncia a licitación da renovación da cuberta do IES Pontepedriña cun investimento de máis de 300.000€

O Goberno galego está a investir 6M€ en grandes obras en centros da cidade, entre elas a ampliación do IES Eduardo Pondal, que vén de comezar

Dentro da primeira fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Consellería de Educación destinou 5,5M€ á mellora e ampliación de 13 centros de Santiago

Sáb, 23/11/2024 - 18:23
p

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, anunciou hoxe en Santiago a próxima licitación da renovación da cuberta do Instituto IES Pontepedriña. Durante a súa visita ao centro presentouse o proxecto desta actuación que conta cun investimento de case 317.000 euros e está incluída nos Orzamentos da Xunta para 2025.

A renovación da cuberta permitirá mellorar as instalacións do instituto optimizando ademais a súa eficiencia enerxética. Segundo indicou o conselleiro, unha vez que se adxudique, os servizos técnicos prevén executar a obra nun prazo de catro meses. O Goberno galego amplía así o compromiso con este centro, no que xa se investiron máis de 294.000 euros en distintas actuacións.

A renovación desta cuberta forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos de Galicia. O plan entra agora na súa segunda fase cun investimento de 200 millóns de euros nos próximos catro anos tras executar máis de 2.700 intervencións desde o seu inicio en 2021 cun orzamento de 278M€.

5,5M€ na cidade 

Román Rodríguez lembrou que entre 2021 e 2024 a Xunta destinou 5,5 millóns de euros á reforma, ampliación e modernización de 13 centros educativos en Santiago a través deste plan. Na segunda fase, o investimento na capital superará os 6 millóns de euros con proxectos destacados como a ampliación do Instituto IES Eduardo Pondal, cun orzamento de 3 millóns de euros que vén de comezar; a rehabilitación integral do instituto IES Arcebispo Xelmírez II, por 2 millóns de euros; a renovación da cuberta e instalación dun ascensor no instituto IES Rosalía de Castro, cun investimento de 500.000 euros, e as melloras no Centro Integrado de FP Politécnico que suporán máis de 350.000 euros.

Ademais destas grandes intervencións, o pasado verán realizáronse 16 actuacións dentro do Plan de benestar e accesibilidade na escola BEN_Estar 2024 centradas en mellorar o confort e a sustentabilidade en 13 centros educativos da cidade cun investimento total de 370.000 euros.

Deste xeito, a Xunta de Galicia reafirma con estas actuacións o seu compromiso coa creación de espazos educativos máis modernos, accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade escolar.