A Xunta salienta a colaboración co tecido empresarial como un elemento clave no impulso das titulacións marítimo-pesqueiras
A directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Lugo participan nunhas xornadas sobre este sector que se celebran en Viveiro
A Xunta oferta este curso un total de 1.602 prazas de novo ingreso na Mariña Luguesa, un 32% máis ca o pasado ano para 63 ciclos formativos e dous másteres
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, salientou hoxe a colaboración entre a Xunta de Galicia e o tecido empresarial como un elemento clave para o impulso das ensinanzas de FP no eido marítimo-pesqueiro, que aseguran man de obra cualificada e relevo xeracional. Así o destacou esta mañá na localidade de Celeiro (Viveiro) con motivo da súa intervención nas Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, nas que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o acordo cos armadores do Porto de Celeiro e a Confraría de pescadores de Celeiro en colaboración tamén coa Consellería do Mar, para, desde o ano 2018, traballar conxuntamente na posta en marcha de ciclos de FP Dual que implica unha ducia de empresas. “Este aproveitamento de sinerxías fixo posible que o pasado curso puideramos implantar por primeira vez unha oferta vinculada ao sector pesqueiro na Mariña Luguesa”, asegurou a directora xeral de FP en referencia ao ciclo dual en Navegación e pesca de litoral no Instituto IES María Sarmiento de Viveiro. Un ciclo para o que a Consellería puxo a disposición todos os medios co obxectivo de que se consolide na Mariña dado a súa relación co tecido socio-económico desta zona. Tamén vinculado co sector nesta comarca, este curso está en marcha o ciclo dual de grao medio en Cultivos acuícolas no Instituto IES Marqués de Sargadelos de Cervo.
Incremento da oferta
Eugenia Pérez explicou que, ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia para o deseño dunha oferta formativa axeitada ao tecido produtivo, na comarca da Mariña Luguesa ofértanse este curso un total de 63 ciclos formativos e dous másteres de FP, o que supón un incremento da oferta do 22,6%, e un total de 1.602 prazas en 1º curso, isto é, case un 32% máis ca o pasado curso.
No que atinxe á familia profesional Marítimo-pesqueira, hai 787 persoas matriculadas nas cinco titulacións que se ofertan como son o ciclo de FP Básica en Actividades marítimo-pesqueiras, os ciclos de grao medio de técnico en Mantemento e control da maquinaria de buques e embarcacións (mecánico naval) e en Navegación e pesca de litoral (patrón de litoral) e os de grao superior en Organización do mantemento de maquinaria de buques e embarcacións (mecánico naval maior) e en Transporte marítimo e pesca de altura (patrón de altura).