A Xunta dota a nova Unidade de hospitalización infanto-xuvenil de Vigo dun docente con perfil de orientación

A Consellería de Educación abriu hoxe a vacante para cubrir este posto cun profesional que guíe, coordine e acompañe o alumnado para que se incorpore a vindeira semana

Ven, 22/11/2024 - 14:38
i

A Xunta dota a nova Unidade de hospitalización infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo dun docente con perfil de orientación que se incorporará a vindeira semana e que será o encargado de guiar, coordinar e acompañar o alumnado que fai uso deste servizo hospitalario.

Hoxe mesmo, tal e como estaba comprometido publicamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de abrir a vacante para a cubrir ese posto de traballo logo de que a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en coordinación co equipo médico desta unidade de recente creación, avaliaran nas últimas semanas o perfil profesional máis axeitado para atender o alumnado que fai uso do mesmo.

Así pois, a persoa encargada de dar apoio a estes alumnos no que atinxe á relación académica cos seus centros educativos de referencia será un orientador que tamén é profesor. Deste xeito, ademais do que atinxe aos aspectos de índole académica, conta coa preparación axeitada para prestar tamén guía e acompañamento no eido emocional.

A maiores, a Consellería traballa tamén para dotar de máis medios técnicos esta unidade, atendendo así a solicitude formulada pola propia unidade. Neste senso, está previsto enviar equipamento informático axeitado ao servizo do alumnado para o que así está recomendado. Deste xeito, baixo a supervisión do profesor orientador, poderá compatibilizar o seu tratamento nesta unidade coas clases, sempre tendo en conta as situacións e particularidades que se dan. 

Cómpre lembrar que esta unidade, que foi creada a finais do ano pasado, dotouse inicialmente, a modo de proba piloto, dun profesor que dependía da aula hospitalaria do Cunqueiro. Agora, tendo en conta as distintas tipoloxías agudas de saúde mental, é necesario avanzar nunha atención máis personalizada a través de profesionais expertos que tamén conten coa formación adecuada para atender os diferentes casos. Este perfil complementa o resto de profesionais que atenden dunha forma permanente ás persoas hospitalizas en idade escolar.