Un cento de militares acreditan as súas competencias profesionais ao abeiro dun acordo entre a Consellería de Educación e o Ministerio de Defensa

A directora xeral de FP e os representantes do Ministerio de Defensa en Galicia fan un seguimento deste acordo que abre novas vías profesionais

Mar, 19/11/2024 - 16:00
m

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión co delegado do Ministerio de Defensa en Galicia, Coronel Bernal Martín, para facer un seguimento do acordo acadado hai un ano entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Ministerio de Defensa co fin de facilitar ao persoal militar o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da súa experiencia laboral ou por vías non formativas.

Grazas a este acordo, arredor dun cento militares e reservistas de Especial Dispoñibilidade puideron acreditar as súas competencias profesionais para un total de 183 unidades de ámbitos como a vixilancia e seguridade privada, amarre de porto e monoboias, actividades auxiliares de mantemento de máquinas, equipos e instalacións de buque, servizos administrativos ou condución de vehículos pesados.

A directora xeral explicou que o recoñecemento oficial das competencias adquiridas polas persoas que prestaron servizos militares mellorará as súas condicións laborais, abrindo novas posibilidades de inserción profesional e facilitando a súa adaptación ao mercado laboral civil. En Galicia, os centros de referencia para estas acreditacións son os centros integrados de FP CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP Fraga do Eume (Pontedeume), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol) e o CIFP A Xunqueira (Pontevedra).

Precisamente o impulso da acreditación de competencias profesionais é un dos sete eixos nos que se basea a Estratexia de FP Galicia 2030, onde se fai fincapé, entre outros, na colaboración co tecido socioeconómico a través das entidades empresariais e profesionais para actualizar e adaptar a oferta a esas necesidades e mellorar a empregabilidade e a formación dos traballadores.

Impulso do emprendemento

Por outra banda, a directora xeral de FP tamén se reuniu esta mañá con representantes de seis asociacións e entidades empresariais de Galicia para avanzar no aproveitamento de sinerxías entre o ámbito educativo e o tecido produtivo.

Na xuntanza avaliouse o seguimento do programa Atrévete, enmarcado no Plan Eduemprende, co fin de seguir fortalecendo o apoio a iniciativas de emprendemento do alumnado, fomentando a creación de proxectos innovadores e viables, o desenvolvemento de proxectos conxuntos de innovación e transferencia tecnolóxica. Tamén se abordou o impulso da FP Dual Intensiva, dos procedementos de acreditación de competencias profesionais e a orientación vocacional e profesional adecuada, unha ferramenta fundamental para axudar aos estudantes a tomar decisións informadas e acertadas respecto ao seu futuro profesional.

Na reunión de traballo participaron as asociacións de empresarios de Sabón-Arteixo, de Ribeira, Sete Pontes, Polígono de San Cibrao e de Pontevedra, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal e a Área empresarial do Tambre.