O conselleiro de Educación dixo no Parlamento que as bases do Decreto responden a un mandato legal e dos electores
Xesús Vázquez lembrou que fronte o acontecido co anterior goberno agora téñense en conta as opinións dos sectores sociais e políticos implicados
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, contestou na súa intervención de hoxe no Parlamento as criticas formuladas contra as bases do borrador do Decreto do Plurilingüismo, asegurando que "a Xunta de Galicia actuou con responsabilidade e con vontade de diálogo ao presentar o devandito texto a todas as partes implicadas".
Vázquez Abad recordou no hemiciclo que "o anterior goberno fixo o decreto sen escoitar nin a oposición, nin ao Consello Consultivo, nin a Real Academia Galega, nin ao Consello da Cultura Galega". Pola contra, lembrou que a actual Xunta habilitou un proceso de consulta para dar voz ás institucións, forzas políticas e organizacións sociais e culturais. O conselleiro dixo que o texto foi elaborado baixo a premisa de garantir a competencia lingüística dos alumnos nas dúas linguas oficiais de Galicia, o equilibrio entre ambas e a entrada progresiva dunha o máis linguas estranxeiras no ensino, así como a promoción do galego. Ademais engadiu que as bases do decreto responden a un mandato legal e unha demanda social, ao tempo que responden a realidade educativa actual.
Ademais, o titular de Educación destacou que a proposta do seu departamento consiste en crear nun novo marco normativo para un ensino de calidade na nosa comunidade autónoma, e resaltou que o obxectivo último "é lograr que o alumnado remate a súa formación escolar cun dominio efectivo das dúas linguas oficiais. Polo tanto, resulta claro e manifesto que podemos falar dun interese pedagóxico fundamental: o que está baseado na competencia lingüística plena en galego e castelán, de acordo co mandato da legalidade vixente, particularmente da Lei de Normalización Lingüística e do Estatuto de Autonomía de Galicia".
Vázquez Abad incidiu, noutro momento da súa intervención, en que para o actual Goberno galego, as bases aseguran unha porcentaxe estable das linguas nas que se imparten as materias en todos os niveis educativos, co correspondente equilibrio horario. Ademais, apóstase pola capacitación efectiva do alumnado no dominio das linguas estranxeiras, nomeadamente do inglés, unha materia cuxo emprego está pendente de adaptarse ás novas necesidades sociais do contexto no que vivimos.
Finalmente dixo que as bases garanten que o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel educativo, en ambas as dúas linguas oficiais, na Formación Profesional Específica, e nas Ensinanzas Artísticas e Deportivas ao tempo que se garantirá que os rapaces e rapazas coñezan en todos os módulos o vocabulario específico en galego.
Deste xeito, Xesús Vázquez asegurou que desde a Consellería de Educación e o goberno galego se está a traballar nun marco institucional estable no que se promove a lingua galega desde estratexias planificadas e onde se garanta a boa convivencia e o respecto dos dereitos das persoas.
"Non se están dando pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego", afirmou o conselleiro quen rematou a súa intervención recordando que "o plurilinguismo parte dunha concepción de Galicia como un país integrado en España e no mundo de hoxe". "O Goberno galego ¿concluiu- é consciente do carácter bilingüe de Galicia, ao tempo que entende que o decreto que promulga recuperar o equilibrio entre as dúas linguas oficiais debe tamén abrir a porta á progresiva ensinanza do inglés ou doutras linguas estranxeiras. Estes son os criterios e os principios que inspiran ás Bases do Decreto do Plurilingüismo e que cremos que serán enriquecidas coas incorporacións que se realizarán a partir das suxestións que algunhas institucións e organizacións tiveron a ben facer".