A Consellería de Cultura e Educación garante a normalidade no desenvolvemento das clases no CEIP de Olveira
As alumnas e alumnos do centro ribeirense volverán ás aulas mañá tras as vacacións de Semana Santa
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a rematar os traballos de acondicionamento do centro tras a fuga de auga producida
A estrutura do colexio non foi afectada polo escape, polo que só será necesario substituír o mobiliario auxiliar ao que chegou a auga
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria garante o normal desenvolvemento das clases no CEIP de Olveira (Ribeira, A Coruña), a cuxas aulas regresarán mañá os estudantes tras as vacacións de Semana Santa. Así o explicaron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana; que se achegaron hoxe a este centro para coordinar os traballos de acondicionamento que se están a realizar no centro tras a fuga de auga producida.
Neste sentido, os representantes da Consellería explicaron que a estrutura do centro non foi afectada polo escape, polo que só é preciso substituír nos vindeiros días o mobiliario auxiliar que foi alcanzado pola auga; uns traballos que se realizarán polas tardes, para non interferir na actividade lectiva. Neste momento, e desde que se tivo coñecemento da avaría, empresas contratadas polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad están a finalizar os traballos de limpeza do colexio, así como os de comprobación do illamento do sistema eléctrico e de acondicionamento dos servizos de auga, co fin de que estean preparados para o seu uso na xornada lectiva de mañá, tal e como se informou ás familias das alumnas e alumnos.
Cómpre sinalar, tal e como explicaron o director xeral e o xefe territorial aos representantes da comunidade educativa do CEIP de Olveira, que a Consellería traballou desde o primeiro momento no que se coñeceu a fuga para que esta avaría non producise interferencias no funcionamento do centro, en especial no desenvolvemento das clases. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia amosa o seu compromiso co benestar do conxunto da comunidade educativa, en particular do seu alumnado, que non verá afectado a súa actividade lectiva por mor dos traballos de acondicionamento do mobiliario que se desenvolvan nos próximos días