A FP galega avanza na aposta de rachar cos estereotipos na elección dos estudos superiores

A directora xeral de FP participa no encontro ‘Mulleres na empresa actual e futura, liderando na Administración pública’ que organiza o Círculo de Empresarios de Galicia

Xov, 14/11/2024 - 14:19
v

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe na mesa de debate Directivas liderando na Administración pública do encontro Mulleres na empresa actual e futura, unha xornada sobre o liderado feminino organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que debateu coa directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, Begoña Mesejo, e coa directora territorial de Comercio e ICEX de Galicia, Patricia Pérez, deu a coñecer o seu papel no Goberno galego e puxo en valor o traballo que se está a realizar para rematar coa brecha de xénero na Formación Profesional galega. “É importante animar a mocidade galega a que estude o que de verdade lle guste sen estereotipos asociados as profesións”, sinalou Eugenia Pérez, quen afirmou que a través de campañas, programas e iniciativas estase incrementando a presenza feminina na FP: “Do curso pasado a este, hai un 9% máis de alumnas fronte a un 5% máis de alumnos”.

Este encontro tamén contou coa testemuña de alcaldesas galegas, de cargos directivos de servizos estratéxicos como son a Sanidade, a Universidade e os corpos de seguridade e forzas do Estado, así como cun coloquio entre os participantes e os asistentes para proporcionar as claves de liderar con perspectiva e empatía.