Galicia colócase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo segundo o maior estudo internacional ao respecto
Sitúase como a primeira comunidade autónoma con 564 puntos, 13 máis que a segunda e cinco máis ca o pasado ano
Obtén 26 puntos máis que a medida de España de 538 puntos, tal e como certifica o informe de EF sobre índice de dominio do inglés
Esta dinámica alcista referenda a aposta da Xunta de Galicia polo impulso da aprendizaxe de idiomas en Galicia
Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF).
Segundo os datos que veñen de facerse públicos hoxe, a comunidade autónoma galega obtén 564 puntos, o que a coloca no primeiro posto de España e 13 puntos por riba da segunda, que é Madrid (551 puntos), 18 puntos por riba de Cataluña (que está en cuarta posición con 546 puntos) e 19 máis ca País Vasco (en quinta posición con 545 puntos).
Ademais, Galicia colócase no nivel alto da táboa entre os 116 países analizados por EF-EPI, fronte ao nivel medio no que se sitúa España con 538 puntos, e á que lle saca 26 puntos de vantaxe. Tamén está moi por riba (87 puntos máis) da media mundial de 477.
A comparativa co estudo de 2023 tamén arroxa unha dinámica positiva de Galicia, xa que sube cinco puntos e escala da segunda á primeira posición estatal.
Os datos do estudo de EF-EPI é o resultado da realización de test a 2,1 millóns de persoas de 116 países e rexións de todo o mundo, dos cales o 54% foron mulleres e o 46% homes, cunha idade media de 26 anos.
Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües, que este ano acada os 511 centros e institutos atendidos por un total de 665 auxiliares de conversa de 24 países de cinco continentes, ou iniciativas como os campamentos de inglés e as estadías no estranxeiro, entre outros.