Galicia e Arxentina asinan un acordo para que as súas universidades poidan impartir títulos compartidos

Román Rodríguez preside o acto no que as axencias de calidade universitaria de ambos territorios rubrican un acordo marco para promover esta cooperación

Posibilitará ofertar titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado co obxectivo de impulsar a internacionalización das universidades galegas

Tamén poderán intercambiar persoal, estudantes e impulsar proxectos de investigación e actividades conxuntas, entre outras iniciativas

As tres universidades públicas galegas referendarán acordos de colaboración con catro universidades arxentinas de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos

Mér, 13/11/2024 - 12:01
a

As universidades públicas galegas e universidades arxentinas poderán impartir titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado. Farao posible un acordo marco asinado entre ambos territorios, primeiro froito da viaxe de traballo que encabeza o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O representante da Xunta de Galicia presidiu ao acto de sinatura entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU).

Esta decisión, impulsada desde o Goberno autonómico co consenso das universidades galegas e a supervisión das axencias de calidade de ambos sistemas, promoverá tamén o intercambio de experiencias, metodoloxías e ferramentas entre os sistemas de educación superior a ambas beiras do Atlántico. O director da ACSUG, Eduardo Pereira, e o presidente de CONEAU, Martín Strah, rubricaron esta acción de cooperación.

“A Xunta e as universidades públicas galegas coincidimos no obxectivo de estar máis abertos ao exterior e ser máis internacionais -afirmou o conselleiro-. Nada mellor para comezar esta senda que estar en Arxentina traballando con varias universidades de Bos Aires para abrir oportunidades e que os alumnos arxentinos poidan formarse en Galicia e tamén para que a nosa Comunidade poida enriquecerse co seu talento”.

Definición dos primeiros proxectos

Román Rodríguez puxo en valor a disposición das tres universidades públicas galegas para sumarse a esta iniciativa. De feito, xa están a analizar a oferta académica para poder definir as primeiras titulacións nas que desenvolver esta colaboración.

A Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria propón catro universidades de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos compartidos. En concreto, as universidades nacionais de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín. Con este fin, os representantes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo desprazados a Arxentina referendarán estes días acordos-marco de colaboración coas devanditas institucións académicas arxentinas. A axenda da viaxe inclúe hoxe unha xornada de traballo, con visitas institucionais a La Plata e Lomas de Zamora, mentres que mañá será a quenda de Tres de Febrero e San Martín.

Nestas visitas participan, ademais do propio conselleiro de Educación en representación do Goberno autonómico, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Antonio López e Ricardo Cao; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Eduardo Pereira e Juan José Nieto.

Intercambios e investigación

Ao abeiro destes acordos, ademais da impartición de titulacións conxuntas, as universidades asinantes poderán tamén intercambiar persoal docente, investigador e administrativo, así como estudantes e diversa información académica e materiais.

Por outra banda, estas entidades académicas poderán impulsar proxectos de investigación conxuntos, ademais de conferencias, simposios, cursos e seminarios.

O representante da Xunta quixo agradecer o traballo da ACSUG e de CONEAU para establecer unha base sólida que permita poñer en marcha as primeiras iniciativas neste eido. “Non é doada unha colaboración deste tipo entre dous países que forman parte de continentes diferentes, pero estas dúas entidades de acreditación e supervisión da calidade das titulacións traballarán arreo para facelo realidade”, destacou.

“Con este acordo damos un importante paso para fortalecer as redes de cooperación entre as entidades académicas dos dous países e na estratexia de internacionalización do Sistema Universitario de Galicia que está a impulsar a Xunta”, explicou o conselleiro. “Aproveitaremos as sinerxías existentes entre as dúas partes, froito de décadas de estreita relación, moi vencellada á diáspora galega no país americano”, detallou.