Xunta e Universidades inician unha viaxe a Arxentina para avanzar na estratexia de internacionalización

O conselleiro de Educación encabeza a delegación galega que visita desde hoxe o país americano para estreitar lazos e abrir oportunidades de cooperación

Participan tamén os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, a secretaria xeral da UVigo e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

“Compartimos moitos obxectivos comúns e un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo”, afirma Román Rodríguez

A axenda comeza este martes cun encontro coa Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria arxentina e representantes de universidades do país

Mar, 12/11/2024 - 20:57
a

O Sistema Universitario de Galicia inicia hoxe unha visita institucional a Arxentina que ten como obxectivo establecer novos marcos de colaboración para afondar na súa internacionalización. A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas viaxan nunha delegación conxunta encabezada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cunha ampla axenda de reunións de traballo e intercambio ao longo de tres xornadas.

Co propósito de fortalecer as relacións entre as universidades do país americano e as galegas e estreitar lazos, participan nesta viaxe os reitores das universidades de Santiago e da Coruña, Antonio López e Ricardo Cao, e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo. Xunto a eles, tamén o presidente e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Juan José Nieto e José Eduardo López, e o secretario xeral de Universidades do Goberno galego, José Alberto Díez.

“A Xunta e as universidades públicas galegas compartimos moitos obxectivos comúns. Un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo e incrementar a calidade das titulacións que ofrecemos”, afirma Román Rodríguez na primeira xornada da viaxe. Por iso, sinala que esta visita “é unha enorme oportunidade para avanzar nesta estratexia de apertura, especialmente ao tratarse dun país irmán como Arxentina ao que estamos unidos por moitas razóns”. Neste senso, o conselleiro agradece a disposición do sistema universitario do país americano para buscar e determinar liñas de colaboración en beneficio mutuo coa USC, a UDC e a UVigo.

Implicación das axencias de calidade

A implicación da ACSUG resulta fundamental, pois previamente ten establecido xa contactos coa súa homóloga arxentina, a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU), encargada de seleccionar as universidades do país americano que participan neste cumio. Son as universidades nacionais Tres de Febrero, de La Plata, de Lomas de Zamora e San Martín, que suman máis de 190.000 estudantes, máis de 20.000 docentes e máis de 1.500 titulacións. Trátase así de procurar unha maior internacionalización da educación superior a través do intercambio de experiencias e proxectos entre as institucións académicas de ambos territorios.

Precisamente, a axenda desta viaxe de cooperación comeza este martes cunha reunión de traballo con representantes da CONEAU en Bos Aires, seguida dun panel con expertos do ámbito académico arxentino. Ao longo dos vindeiros días, a delegación galega visitará cada unha das catro universidades americanas de xeito individual.

Arxentina, punto de partida

O feito de escoller Arxentina como punto de partida desta estratexia de internacionalización débese aos vínculos históricos, sociais e institucionais que a ligan con Galicia, ademais de polas similares sensibilidades, o que facilitará o establecemento de relacións educativas en materia de cooperación interuniversitaria. A participación das axencias de calidade universitaria de ambos lugares garante que todas as colaboracións que se poidan establecer se fagan dentro dun marco de máxima excelencia.