A Xunta incrementa nun 18% o apoio ao Concello de Oroso para ampliar ata os 130 os usuarios do comedor do colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés
O Goberno Galego eleva a máis de 76.000€ a contía do convenio para incrementar en 20 o número de comensais, atendendo á demanda do servizo de comedor
A Xunta mantén o seu compromiso coa conciliación familiar e educativa en Galicia, beneficiando a 14 concellos destes programas de comedor en colaboración
A Xunta de Galicia aprobou unha terceira addenda ao convenio de colaboración co Concello de Oroso para o apoio á xestión do servizo de comedor escolar. Deste xeito, incrementarase nun 18% a contía do convenio, ata os 76.362€ (11.748€ máis), o que permitirá ampliar ata os 130 os usuarios de comedor escolar no Colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés. Esta ampliación de 20 comensais responde á crecente demanda de prazas de comedor, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.
Este apoio económico por parte da Xunta de Galicia permitirá ao Concello de Oroso xestionar o servizo de comedor de forma eficaz, incluíndo a contratación dos menús e o coidado do alumnado durante as comidas, mentres que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subvencionará os custos dos menús escolares. O convenio ten vixencia ata o curso 2025/26, incluído.
A Xunta de Galicia colabora na actualidade con 14 concellos de toda a xeografía galega que xestionan comedores escolares, en concreto con Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas, Ferrol, Lugo, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Sada, Sarria e Vilalba. Un total de 4.809 alumnos benefícianse destes convenios de colaboración cos concellos. Ademais, a Consellería de Educación destina 1,6M€ para axudas ás anpas que xestionan comedores escolares.