O Plan de mellora das bibliotecas escolares da Xunta supera por primeira vez os 800 colexios e institutos
Román Rodríguez gaba estes espazos como “epicentro da transformación docente” recoñecidos a nivel estatal e que avalan os bos resultados en competencia lectora
Salienta que a biblioteca escolar exercerá de motor do programa de reforzo da comprensión lectora incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia
O Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia, Plambe, supera por primeira vez os máis de 800 colexios e institutos adscritos, ao igual que continúan medrando os centros que se suman ao resto de programas da Xunta neste eido como os Clubs de lectura (458 centros este ano), Radio na biblio (220), Biblioteca creativa (191) ou Lectura e familias (130), entre outros.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinala que a boa acollida que están tendo as distintas accións do seu departamento nesta materia referenda o apoio do Goberno galego á rede de bibliotecas escolares de Galicia como “epicentro da transformación docente” e lugar de “coñecemento, innovación e creatividade”. Así o sinalou esta mañá con motivo da inauguración da xornada Biblioteca escolar, a escena!, un encontro que reúne a preto de 700 persoas entre docentes, asesores, equipos de bibliotecas escolares e expertos na temática para compartir experiencias e boas prácticas centradas no teatro como soporte para a aprendizaxe. No acto tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
O titular de Educación gabou que, grazas á implicación e ao “traballo de base” dos docentes e responsables das bibliotecas dos centros educativos, estes espazos sexan hoxe “un entorno educativo de referencia” onde se combina a adquisición de competencias múltiples como as lectoras, as dixitais, o traballo en equipo ou a formación en igualdade e inclusión que representan “un dos piares fundamentais do noso sistema educativo”. “Este traballo día a día tradúcese en resultados palpables”, sinalou o conselleiro en referencia a que Galicia sitúase por riba da media do Estado e da OCDE.
Informe ‘Bibliotecas Escolares en España’
As bibliotecas escolares galegas son, ademais, un referente a nivel estatal, con puntuacións superiores á media estatal na meirande parte das dimensións contempladas no informe estatístico Bibliotecas Escolares en España que cada catro anos realiza o Goberno Central, destacando en apartados como a calidade dos espazos de aprendizaxe, as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou a formación en diversidade e igualdade.
A biblioteca do futuro
Neste contexto, Román Rodríguez apelou a “seguir construíndo a biblioteca do futuro” co apoio da Xunta de Galicia á transformación e renovación destes espazos tanto no que atinxe a programas específicos como á dotación de equipamento.
Non en balde, as bibliotecas escolares galegas están chamadas a xogar un papel clave das accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, como é o programa de reforzo da comprensión lectora. Este programa artéllase a través da posta a disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes.
A biblioteca escolar funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.
O teatro protagonista con Paula Carballeira
A xornada Biblioteca escolar, a escena! colle como fío condutor o teatro e o seu poder como soporte para diferentes relatos, así como o papel destes espazos como lugar de exploración de novos proxectos, de creación e de participación das familias.
A escritora e contacontos Paula Carballeira foi a encargada da conferencia inaugural co relatorio Teatro, o máis parecido á vida, nunha xornada que tamén conta co presenza dos escritores Rosalía Fernández Rial e Miguel Núñez Singala e o pedagogo Jorge María Larrosa. Ao longo do día desenvolveranse distintas mesas de exposición e debate sobre experiencias variadas como traballos por proxectos e lecturas dramatizadas, entre outras actividades.