Román Rodríguez presenta o proxecto de mellora das instalacións deportivas e de lecer do colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión

A Xunta investirá preto de 675.000 € na construción dun espazo multifuncional que servirá para as clases de Educación Física e como patio cuberto

O novo espazo vai en liña cos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que se fomenta a creación de espazos flexibles

Ven, 08/11/2024 - 20:05
s

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa, onde presentou o proxecto para mellora das instalacións deportivas e de lecer deste centro, no que o seu departamento vai investir preto de 675.000 € e que está previsto que a obra se realice no vindeiro 2025. Para iso, a consellería vai licitar a intervención por anticipado de gasto antes de que remate este ano.

Tal e como explicou, esta obra vén dar resposta á necesidade da comunidade educativa de contar cuns espazos renovados para as clases de Educación Física. O proxecto previsto inicialmente non se puido levar a cabo por cuestións técnicas do terreo, polo que a Xunta decidiu buscar unha alternativa e optar por unha nova proposta de espazo multidiciplinar que se poida empregar tanto para a práctica deportiva como a modo de patio cuberto, unha opción que foi consensuada coa comunidade educativa.

“Trátase dunha instalación que vai en liña cos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que se fomenta a creación de espazos flexibles e multifuncionais nos centros educativos, que dean resposta ás diferentes necesidades do ensino actual”, destacou o conselleiro.

A obra consistirá na construción dun espazo cuberto con panel tipo sándwich opaco e panel policarbonato translucido, de 400 m², para uso como patio cuberto os días de choiva e zona para Educación Física. Debido ao desnivel do terreo, aproveitarase parte do espazo inferior para habilitar un almacén  de 190 m². A nova construción terá un soportal de conexión en continuidade co existente no colexio e paralelo á pista deportiva exterior.

Máis de 2 M€ nos últimos anos

Esta nova actuación súmase ás recentes melloras realizadas pola Consellería neste centro, en concreto na fachada, canlóns e baixantes, peche principal e luminarias exteriores , por importe de 26.000 €.

“A Xunta leva destinados máis de 2 M€ en obras en centros de Vilanova de Arousa nos últimos anos, un investimento que agora impulsamos con esta nova actuación no Colexio de Sestelo-Baión e coas melloras que imos realizar tamén no Colexio CEIP de San Roque. As obras consisten na rehabilitación e cambio de uso das antigas vivendas de mestres, para o novo comedor escolar, dando así un novo uso as construcións escolares”, detallou o conselleiro.