A Xunta reforza o seu compromiso co ensino do portugués tras cuadriplicar o número de alumnos en dez anos

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa recorda no Parlamento o acordo co Instituto Camões, que facilita a acreditación gratuíta de niveis de portugués

Xov, 07/11/2024 - 14:06
p

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reafirmou hoxe no Parlamento o apoio da Xunta ao fomento do ensino do portugués en Galicia, un compromiso reflectido no crecemento de estudantes. Nos últimos 10 anos, o número de alumnos de portugués multiplicouse por catro, acadando neste curso un total de 4.513 estudantes de 77 centros.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou na súa intervención a principal novidade deste ano, o recente acordo co Instituto Camões, que facilita ao alumnado galego a posibilidade de certificar gratuitamente os seus niveis de competencia en portugués. Esta colaboración pioneira permite obter certificacións nos niveis A1, A2 e B1 do Marco Común Europeo ao finalizar a ESO e o Bacharelato. Galicia convértese, así, na primeira Comunidade Autónoma en formalizar un convenio deste tipo, un paso relevante que se enmarca na Lei Valentín Paz Andrade para a promoción do portugués e o fortalecemento dos vínculos coa lusofonía.

No referido ao ámbito educativo, este curso favorecerase a aprendizaxe de portugués a través de 11 auxiliares de conversa. Outra iniciativa son os cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado das escolas oficiais de idiomas. Ademais, o alumnado de Bacharelato tamén pode afondar no seu coñecemento do idioma participando na convocatoria para vivir unha aprendizaxe inmersiva en Portugal con estadías no verán.

Así mesmo, a directora xeral recordou outras iniciativas en marcha para promover o ensino do portugués, como os programas Escola de Fronteira e Ponte... nas ondas!, ambos en funcionamento desde o curso pasado. Escola de Fronteira fomenta competencias bilingües e interculturais entre centros galegos e portugueses e contou o curso pasado coa participación de seis colexios. Pola súa parte, Ponte... nas ondas!, recoñecido pola UNESCO en 2022, busca preservar e transmitir o patrimonio cultural galego-portugués a través dun modelo de educación patrimonial, e xa conta coa colaboración de 20 centros.