A Xunta destaca o valor da I Semana do Emprendemento do instituto de Sabón para achegar ao alumnado as experiencias de éxito neste eido
A directora xeral de FP sinala que a Xunta fomenta a cultura emprendendora a través de iniciativas como os viveiros de empresa e as aulas de emprendemento
O obxectivo do evento é que o alumnado coñeza casos de éxito de empresarios que cursaron no seu momento os mesmos ciclos que eles cursan agora
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou esta mañá na inauguración da I Semana do Emprendemento organizada polo Instituto IES de Sabón, unha iniciativa da que destacou o seu valor para achegar ao alumnado “á realidade empresarial desde outra perspectiva, a de o autoemprego, que non sempre é valorada en primeira opción”. “Desde a Xunta levamos máis dunha década impulsando a cultura do emprendemento entre o alumnado a través do Plan Eduemprende, con especial impulso á rede de viveiros de empresa, presente xa en 33 centros educativos”, destacou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Así mesmo, puxo en valor as 100 aulas de emprendemento despregadas pola Xunta en centros que imparten ensinanzas de FP, entre eles o IES de Sabón. A través deste programa desenvólvense actividades que fomenten e canalicen as iniciativas emprendedoras do alumnado e ofrécese soporte administrativo e técnico para as primeiras fases dun proxecto. Se acada un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha, faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro de empresa da Consellería fanse despois.
Precisamente o IES de Sabón decidiu celebrar esta Semana do Emprendemento no marco da súa adhesión a este programa, co obxectivo de que o alumnado coñeza casos de éxito de empresarios que cursaron no seu momento os mesmos ciclos que eles cursan agora. Así mesmo, o evento busca ser un punto de encontro entre o centro e algunhas empresas onde o alumnado pode realizar as súas prácticas. Ata o vindeiro venres, cada unha das xornadas dedicarase a cada unha das familias profesionais que se imparten no centro, en concreto Hostalaría e turismo, Actividades físicas e deportivas, Administración e xestión e Electricidade e electrónica. Participan no evento tamén alumnos de outros centros da comarca da Coruña.