Judith Fernández subliña o labor da Inspección Educativa como garante do bo funcionamento do sistema
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa abre un curso de formación para novos inspectores
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, salienta o labor que leva a cabo a Inspección Educativa como unha das pezas clave para garantir o correcto funcionamento do sistema. Así o puxo de manifesto durante a apertura dun curso de formación para novos profesionais do servizo de Inspección.
O curso, que se celebra no Centro Autonómico de Formación e Innovación, CAFI, en Santiago de Compostela, desenvolverase ao longo de seis xornadas de traballo neste mes de novembro. No día de hoxe abórdanse cuestións como a xestión dos recursos humanos nos centros educativos e a Formación Profesional. Na xornada de mañá abordarase o proceso de admisión do alumnado nos centros e o manexo da aplicación ao respecto, a dixitalización e a práctica inspectora coa formulación, desenvolvemento e resolución de casos prácticos. O curso continuará o xoves centrado nas Ensinanzas de Réxime Especial como son as de idiomas, deportivas e artísticas. Tamén haberá novas sesións formativas os días 18, 19 e 20 de novembro.