A Xunta destinará 9,3M€ ao reforzo do equipamento de investigación e de innovación das universidades, que se compartirá a través dunha plataforma
Co obxectivo de mellorar os recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado, adquiriranse licenzas de software, simuladores ou equipos informáticos
Así mesmo, dotarase aos centros de investigación e servizos centrais de material para facilitar a súa actividade, incluído equipamento altamente especializado
Búscase avanzar nunha estratexia que permita a xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia
Este será, precisamente, un dos obxectivos do futuro Plan galego de investigación e innovación, que busca a coordinación dos axentes e recursos do sistema de I+D+i
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as universidades de Santiago de Compostela (USC), de Vigo (UVigo) e da Coruña (UDC) para reforzar o seu equipamento científico e de innovación educativa. O Goberno galego destinará máis de 9,3M€ a esta nova liña de actuación, dos que 3,9M€ serán para a USC, 3M€ para a UVigo e 2,4M para a UDC.
Así mesmo, ao abeiro deste acordo crearase por primeira vez unha plataforma para compartir o seu equipamento científico-técnico, o que na práctica se traducirá nun mellor aproveitamento de sinerxías para un maior impacto dos proxectos de innovación e investigación que desenvolven. Isto é, a través desta plataforma, os centros de investigación poderán intercambiar recursos, o que redundará nun maior acceso a todo tipo de materiais para os diferentes axentes investigadores. O obxectivo final é avanzar nunha estratexia que permita a xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para a súa vertebración e posta en valor.
Este será, precisamente, un dos obxectivos do futuro Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que está a preparar a Xunta, e que busca a coordinación dos membros do sistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, así como acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia.
Equipamento e recursos dixitais
O primeiro bloque do acordo céntrase no reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado. Trátase, en concreto, da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación que permitan aos estudantes e docentes manterse á fronte do desenvolvemento tecnolóxico e adquirir as competencias necesarias a través dos seus estudos universitarios.
Isto traducirase no acceso a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e máster.
Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres Campus de Especialización acreditados pola Xunta de Galicia (Campus Industrial de Ferrol, Campus Terra de Lugo e Campus Auga de Ourense), que representarán un punto chave polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu entorno máis próximo.
Consolidación e cooperación dos centros de investigación
O segundo bloque do acordo centra os seus esforzos no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais, así coma na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, que agrupa os mellores centros de investigación universitaria de Galicia, coa finalidade de maximizar o impacto das súas actividades de investigación e innovación, ao mesmo tempo, que se impulsa o uso compartido e racional das infraestruturas científico-técnicas de Galicia.
Neste apartado, os gastos subvencionables refírense a instalacións, recursos e servizos afíns utilizados pola comunidade científica para levar a cabo investigacións nos seus ámbitos de coñecemento. Trátase de equipamento altamente especializado como sistemas purificadores de auga ultrapura ou de ácidos nucleicos, robots intelixentes, equipos de microcorte de alta precisión, unidades de magnetosusceptibilidade, de raios X ou de resonancia magnética, espectómetros de varios tipos, cabinas de seguridade biolóxica, sistemas láser de distintas características, antenas intelixentes ou equipos de mostraxe mariña, entre outros.
A adquisición deste equipamento científico e técnico permitirá a execución de proxectos de investigación de calidade, que mellore os resultados e impacto económico e social dos mesmos, así como para o propio funcionamento e mellora dos servizos comúns de investigación e das infraestruturas de investigación existentes, priorizándose o equipamento de última xeración que é necesario para acadar a excelencia na investigación.
Ademais, facilitarase compartir o equipamento científico-técnico con outros centros da Rede CIGUS, centros colaborativos ou centros tecnolóxicos, sen custo e baixo petición. Durante o período no que o material estea compartido, haberá un técnico a disposición para facilitar o uso do mesmo.
Para iso, habilitarase un espazo no web da Rede CIGUS no que os centros de investigación poderán detallar o seu equipamento, cunha pequena descrición e un contacto para que poida solicitar o seu préstamo temporal tanto outros centros de investigación como os centros tecnolóxicos.