A Xunta crea o premio ‘Tolerancia cero fronte ao acoso escolar’ para recoñecer o compromiso dos centros con actuacións nesta materia
A iniciativa está dotada con 30.000 € que se repartirán en catro distincións específicas para a etapa de Primaria e outras tantas para a de Secundaria
Poderán presentar o seus proxectos ata o 20 de novembro para concorrer a este galardón, unha das novas medidas do Plan integral contra o acoso escolar
Valorarase a implicación do alumnado na loita contra o acoso e o ciberacoso e no coidado e acompañamento das vítimas
A Xunta de Galicia crea o primeiro premio Tolerancia cero fronte ao acoso escolar que ten como obxectivo recoñecer o compromiso e o labor dos centros educativos na loita contra situacións contrarias á convivencia escolar con actuacións específicas neste eido, ao tempo que serven de boas prácticas para o resto da comunidade educativa.
A finalidade do galardón, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, é promover a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais a través de accións concretas de loita contra o acoso e o ciberacoso escolar e de coidado e acompañamento das vítimas.
Con esta convocatoria, o departamento educativo do Goberno galego dá cumprimento a unha das accións recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que, á súa vez, está inxerido na Estratexia Galega de Convivencia Escolar.
Tal e como pode consultarse no Portal Educativo, a convocatoria vai destinada a todos os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que dispoñen de prazo ata o 20 de novembro para presentar os seus proxectos, que poden ser de carácter individual ou colectivo. Cada centro poderá presentar unha solicitude que irá acompañada dunha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional.
Categoría e importes
Unha comisión de selección encargarase de avaliar os proxectos presentados, tendo en conta aspectos como a calidade das accións desenvolvidas, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, o impacto no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa repercusión no conxunto do centro, entre outros.
A Consellería destina un total de 30.000 € a este galardón, que se distribuirán a razón de catro premios (primeiro, segundo, terceiro e mención de honra) para a modalidade de Primaria e outros tantos para a de Secundaria (que abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial). Así pois, o centro que acade o primeiro premio recibirá 8.000 €, o segundo recibirá 4.000 €, o terceiro 2.000 € e a mención de honra 1.000 €.
Os centros poden acadar ata un máximo de 116 puntos nos que se valorarán o cronograma de actuacións realizadas ao abeiro do proxecto presentado; que os obxectivos sexan sostidos ao longo do tempo, propostas de actuación para o futuro, medidas innovadoras de loita contra o acoso e o ciberacoso que redunden na mellora da calidade educativa; nivel de implicación dos membros da comunidade educativa (familias, institucións...), posibilidade de replicar o modelo noutros centros e difusión do proxecto e dos seus resultados, entre outros.