A Xunta reforza este curso a formación do alumnado no uso responsable das tecnoloxías e as redes sociais con programas específicos de benestar dixital
Educación impulsa un abano de iniciativas neste eido, entre as que se atopa o ‘Navega con rumbo’ en coordinación co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
Porase en marcha un novo programa para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías entre o alumnado de Primaria, cun orzamento de 2 M€
A Xunta de Galicia reforza este curso a formación do alumnado con programas específicos dirixidos a acadar un maior benestar dixital a través de un abano de accións neste eido co fin de promover un uso seguro e responsable das redes sociais e internet. Neste obxectivo, enmárcase o programa Navega con rumbo renovado hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Galicia, Fernando Suárez.
Navega con rumbo, que cumpre a súa 13º edición, realizará un total de 240 charlas de duración dunha hora. Estas xornadas están dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. Ademais, o convenio tamén recolle a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas en Internet que estará dispoñible en soporte dixital na web asociada ao proxecto, como en formato impreso nos propios centros.
O convenio asinado hoxe enmárcanse na aposta do Goberno galego polo benestar dixital do alumnado, a adquisición por parte dos estudantes das competencias pedagóxicas axeitadas para o emprego das ferramentas tecnolóxicas e que sexan coñecedores dos riscos asociados ao ciberacoso. Esta prioridade recóllese na Estratexia Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, co obxectivo de que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.
Prohibición do móbil e guía de uso
Ao abeiro deste compromiso, tal como avanzou o conselleiro de no Parlamento, a Xunta está actuando para adiantarse nos desafíos das novas tecnoloxías. Por iso, este curso vaise lanzar un novo programa dirixido ao alumnado de Educación Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías, cun investimento que superará os 2 M€. Así mesmo, a Xunta vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de internet e as redes sociais, un documento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, efectos e riscos. Forma parte do programa Pegada dixital que se desenvolve en centros educativos desde hai dous cursos con 250 obradoiros.
No que atinxe á prohibición dos teléfonos móbiles nos recintos escolares, que opera desde o curso pasado a través dunha instrución remitida aos centros, o resultado da medida avalíase como moi satisfactorio en xeral entre a comunidade educativa, con boa repercusión na convivencia escolar. Non obstante, para garantir aos centros o máximo soporte xurídico na súa aplicación e ofrecer todas as certezas aos equipos directivos, vaise modificar o decreto 8/2015, de convivencia, a través da Lei de medidas para reforzalo.