A Xunta sitúa a educación emocional como un reto que esixe a implicación de toda a sociedade e evidencias científicas
O conselleiro de Educación participa no acto de presentación do monográfico ‘Educación emocional en tiempos de crisis global’ impulsada desde a Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, situou hoxe a educación emocional como unha necesidade que precisa da implicación de toda a sociedade, coas familias en primeiro plano, e de evidencias científicas. Fíxoo no Vicerreitorado do Campus de Lugo, onde participou na presentación do monográfico Educación emocional en tempos de crise global, publicado na revista Relieve co impulso da Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica.
O conselleiro agradeceu a implicación dos investigadores neste asunto a través desta publicación, que permite reflexionar e ofrecer solucións innovadoras para mellorar o sistema educativo e para atender situacións que poidan afectar á convivencia nas aulas.
No acto, participaron tamén o vicerreitor de Organización Académica, Francisco Fraga; o presidente da Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica, Jésus Miguel Muñoz, e a profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, María Dolores Fernández, coordinadora do monográfico xunto a Raquel-Amaya Martínez, catedrática da Universidade de Oviedo.
Novas accións de mellora na convivencia
A Xunta ten en marcha a Estratexia galega de convivencia escolar para dotar aos docentes de ferramentas en educación emocional e para promover unha contorna de respecto e integración nos centros escolares. Nela enmárcanse iniciativas como o Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso e a Guía de benestar emocional. Tamén medidas como a prohibición do uso do móbil nos centros educativos, que será reforzada agora a través da Lei de medidas.
De cara ao vindeiro ano, a Consellería está a preparar tres novidades neste ámbito, en concreto unha ferramenta de sondaxe para a medición do clima de convivencia, un Plan de coeducación que fomentará a igualdade nas aulas e a renovación do protocolo de identidade de xénero.