Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do Colexio CEIP A Igrexa-Calo, en Teo, por case 1 M€
Tamén está prevista a reparación da cuberta do Colexio CEIP Plurilingüe dos Tilos
A Xunta dá así resposta ás dúas principais necesidades da comunidade educativa deste concello coruñés
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento vai acometer a rehabilitación integral do Colexio CEIP A Igrexa-Calo, en Teo. Fíxoo nunha visita ao centro, onde presentou o proxecto desta actuación que, cun orzamento de case 1M€, está incluída nos Orzamentos do Goberno galego para 2025.
O titular do departamento educativo da Xunta explicou que está prevista, así mesmo, a reparación da cuberta do Colexio CEIP Plurilingüe dos Tilos, cun investimento estimado de 350.000€. “Con estas dúas actuacións imos dar resposta ás dúas principais necesidades da comunidade educativa de Teo, cun investimento que vai superar os 1,3M€”, destacou o conselleiro. “Estas actuacións -subliñou- dan boa conta do compromiso do Goberno galego con este concello no que desde a Consellería levamos colaborando desde 2009”.
Román Rodríguez sinalou que ambas as actuacións teñen como finalidade principal mellorar o día a día dos alumnos e docentes destes colexios, incrementando o confort térmico das instalacións e, en xeral, a súa practicidade. Así mesmo, detallou que este tipo de actuacións redundan nunha mellora da eficiencia enerxética dos edificios e, como consecuencia, na redución do consumo.
Estas novas intervencións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos, que inicia unha segunda fase cun investimento de 200 M€ durante os próximos catro anos, logo de ter executado xa máis de 2.700 obras desde 2021.
Reforma completa
A rehabilitación integral do CEIP A Igrexa-Calo permitirá renovar as instalacións do centro, solucionando os problemas derivados da súa antigüidade, de máis de 50 anos. Segundo indicou o conselleiro, en breve procederase á licitación desta rehabilitación e a previsión é que as obras, cun prazo de execución de cinco meses, arranquen no segundo trimestre de 2025.
Os traballos a realizar consistirán na substitución da cuberta existente por outra de panel de sándwich illante con lá de roca, a renovación das ventás por outras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento e o cambio deas luminarias por luces LED de baixo consumo en todas as áreas do colexio e no patio cuberto.
Tamén se levará a cabo unha optimización de espazos, renovación dos canlóns e baixantes do edificio, instalación de falsos teitos con protección acústica nas aulas, despachos e distribuidores de acceso, a renovación dos mesados da cociña coa substitución dos existentes fabricados en ladrillo por outros de aceiro inoxidable, a renovación do chan da escaleira principal con pavimento antiescorregadizo e a sinaléctica do centro.