A Xunta convocará en 2025 como mínimo 1.600 prazas de profesorado malia a baixada do alumnado para seguir mellorando un dos mellores rateos de España
Román Rodríguez detalla uns orzamentos que superan por primeira vez os 3.000 M€ nas áreas de educación e ciencia apostando claramente polo futuro de Galicia, o que volve situar á nosa Comunidade como unhas das que máis inviste por alumno
Sinala que o maior reforzo experiméntase na área de persoal para avanzar “nun camiño de mellora imparable” grazas ao acordo coas organizacións sindicais
Salienta que Galicia conta hoxe con máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade fronte aos 2.700 do 2009 e anima a seguir mellorando neste eido
Anuncia plans de mellora en comedores, intercambios educativos co estranxeiro, convivencia escolar ou uso correcto de novas tecnoloxías entre os máis novos
As universidades recibirán unha achega récord de 538 M€ que sitúan a Galicia a piques de ser a primeira comunidade en acadar o 1% do PIB en recursos públicos
A área de ciencia medra 78 millóns ata os 372, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o compromiso co fomento do I+D+i”
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta convocará o vindeiro ano como mínimo 1.600 prazas de profesorado a través dunha nova oferta de emprego público, oposicións que se levarán a cabo nun contexto de baixada continuada da matrícula. Isto permitirá que Galicia siga mellorando o seu rateo de alumnos por profesor, que xa é a terceira mellor de España, con 9,8 fronte á media estatal de 11,4.
Así o manifestou na Comisión 3ª do Parlamento, onde compareceu co seu equipo para presentar os orzamentos do seu departamento para 2025, que medran e superarán por primeira vez os 3.000 millóns, o maior investimento realizado nunca polo Goberno galego en materia de ensino e investigación. Estas cifras van permitir que Galicia continúe sendo unha das comunidades autónomas que máis inviste por estudante, con 8.075 euros, é dicir, 1.000€ máis que a media estatal situada en 7.043€, segundo as últimas estatísticas oficiais publicadas polo Ministerio de Educación, FP e Deportes.
“Galicia vai dispoñer do maior orzamento da súa historia dedicado á Educación, á Ciencia, á Universidade e á Formación Profesional e o fai por quinto ano consecutivo”, explicou Román Rodríguez, quen cifrou en máis de 121 millóns de euros o incremento respecto ás anteriores contas, en termos de orzamento consolidado. É dicir, un aumento do 4,2%.
Salientou que o apartado de Educación é o de maior peso da Xunta despois de Sanidade e representa case un 20% do orzamento total. Isto é posible grazas a un reforzo de fondos propios ante a retirada progresiva dos fondos extraordinarios europeos. Mentres, a área de investigación medra globalmente 78 millóns ata os 372, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o compromiso co fomento do I+D+i”, detallou o conselleiro de Ciencia, quen lembrou a aposta do presidente Alfonso Rueda por elevar a rango de Consellería esta competencia nesta nova lexislatura co obxectivo de “buscar novas solucións para mellorar o benestar e calidade de vida da cidadanía e xerar coñecemento aplicable ao desenvolvemento económico e social”.
Máis profesores para menos alumnos
Román Rodríguez repasou cada un dos capítulos dos orzamentos, comezando polo de maior magnitude, o dedicado ao profesorado. Neste apartado, reserva 1.780 millóns, o que supón 90 millóns máis que no 2024, unha suba do 5,3%. “Máis profesores nun contexto de forte caída continuada na poboación escolar”, reflexionou o conselleiro, quen vencellou este notable aumento co acordo asinado hai un ano coas organizacións sindicais e reforzado agora ao ser elevado á máxima categoría a través da Lei de medidas, o que garante e clarifica o seu cumprimento íntegro ao longo dos próximos cursos: “Este incremento fará posible continuar coa a aplicación das condicións de mellora retributiva pactadas e do resto de medidas de mellora na atención ao alumnado con necesidades especiais, a baixada progresiva de rateos e o reforzo do ensino rural”.
De aí que en 2025 vaian celebrarse novamente oposicións. Desde 2009 convocáronse máis de 18.500 prazas e a nova oferta elevará esta cifra por riba das 20.000. Galicia consolidarase así como a comunidade autónoma con menor taxa de interinidade.
“Fomos quen de adiantarnos, ninguén está facendo o que fai Galicia: partindo dunha moi boa situación a nivel organizativo e de resultados, avanzamos nun camiño de mellora imparable”, afirmou Román Rodríguez en alusión á “maior modernización do sistema educativo galego en 30 anos”, co que se elevou a cifra de docentes este curso ata os 31.603 malia ter 4.000 alumnos menos en Infantil e Primaria. A través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, xa están en marcha tres dos seis programas de reforzo (Promociona, Proa+ e Centros Referentes) e trabállase nos restantes: lectura e Matemáticas e apoio ao alumnado estranxeiro. “Queremos seguir avanzando nesta liña, comprometidos coa mellora continua e a autoesixencia”, manifestou o conselleiro, quen lembrou que Galicia pasou en poucos anos de estar por debaixo da media de España e da OCDE en PISA a estar por riba e mesmo liderar en Ciencias e pensamento creativo.
Referencia en inclusión educativa
No apartado de persoal, detívose especialmente nos profesionais de atención á diversidade, en áreas como Audición e linguaxe e Pedagoxía terapéutica, entre outros, que hoxe superan xa os 5.000 fronte aos 2.700 do ano 2009. Isto é posible grazas a unha aposta decidida da Xunta, que estrea este curso unha medida pioneira coa que no conta ningunha comunidade autónoma: a ponderación especial deste alumnado por dous ou por tres en función da súa situación, o que leva aparellado un reforzo de profesorado.
As estatísticas tamén certifican que o ensino galego é o máis inclusivo de España, con case un 94% do alumnado integrado en ordinaria; que temos o mellor rateo de alumnos por profesor en centros e Educación Especial (2,6 fronte á media estatal de 3,4) e que temos maior capacidade de detección a través dun sistema robusto e implicado. Para afondar neste liña, anunciou que Galicia se dotará da ferramenta Galiorienta, que seguirá mellorando a xestións destes recursos da man dos centros educativos.
No capítulo II, dedicado aos gastos correntes e dotado de 111 M€, salientou os gastos de funcionamento para os 1.068 centros públicos existentes, cifra que consolida os aumentos dos últimos exercicios. Neste epígrafe non se inclúe agora o transporte escolar -que pasa a depender da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes-, un servizo que, unido ao de comedor, supón un investimento diario de 1 millón de euros. Co fin de manter o apoio ás familias, os comedores da Consellería seguirán tendo conxelados os prezos públicos. Ademais, Román Rodríguez avanzou un novo plan de comedores para mellorar o servizo, en coordinación con varios departamentos da Xunta.
Universidade máis accesible de España
Continuou o conselleiro co capítulo IV, dedicado ás transferencias correntes, que suman un total de 792 millóns de euros. Este apartado posibilitará achegar ás universidades máis fondos que nunca: 538 M€. “Galicia realiza un esforzo extraordinario no financiamento das súas universidades públicas e volvemos marcar un financiamento récord cun crecemento de case o 5%”, indicou. Por iso, avanzou que Galicia está xa moi preto de acadar o 1% do PIB en recursos públicos ás universidades e ser a primeira comunidade en logralo, con moita antelación sobre o obxectivo fixado para 2030.
Son os primeiros orzamentos que habilitan fondos para a gratuidade da matrícula iniciada este curso e que fai que Galicia teña a universidade máis accesible de España. “Galicia xa é a primeira comunidade autónoma —e a única por agora— cun sistema educativo público gratuíto desde a primeira etapa de Infantil ata os estudos superiores”, gabou o conselleiro sobre este compromiso electoral cumprido nos 100 primeiros días.
Enumerou tamén outras liñas de traballo como o Plan de infraestruturas, que permitirá mellorar diversos edificios en todos os campus galegos e a construción, entre outras actuacións, da nova Facultade da Farmacia en Santiago, ou o impulso do programa de especialización dos campus periféricos nas cidades de Ferrol, Lugo e Ourense.
Plan Galemundo de internacionalización
O capítulo IV complétase coas transferencias aos centros concertados, cuxo profesorado recibirá un incremento retributivo en termos semellantes aos restantes colectivos, así como todo o programa de apoio ás familias a través das axudas de libros de texto e material escolar, que manterán os incrementos realizados durante os últimos anos. Son medidas que contribúen a que o ensino galego sexa o máis equitativo de España ao favorecer a igualdade de oportunidades, segundo as avaliacións do informe PISA.
Tamén se duplicarán as bolsas para o retorno da mocidade no exterior que desexa cursar ciclos de FP. E, no ámbito da internacionalización, Román Rodríguez avanzou a posta en marcha do Plan Galemundo “para fomento dos intercambios e a formación educativa e lingüística no exterior” para darlle máis oportunidades aos máis novos, que segundo o estudo internacional de EF teñen o mellor nivel de inglés de España.
Construción de modernización de centros
Por último, en canto ao capítulo VI, disporase de máis de 136 millóns de euros. Deste xeito, afondarase na renovación de colexios e institutos co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que inicia unha segunda fase cun investimento de 200 M€ durante os próximos catro anos, logo de ter executado xa máis de 2.700 obras desde 2021.
Grazas a este investimento, realízanse ampliacións de centros educativos en concellos como Santiago de Compostela, Caldas de Reis, Arteixo, Vilagarcía de Arousa ou Redondela, entre outros; rehabilítanse outros na Coruña, Lugo, Carballo, Ourense ou Cambados e un longo etcétera e constrúense novos centros, caso do futuro Colexio CEIP Milladoiro en Ames, en fase de adxudicación por preto de 10 M€; o Instituto IES Domingo Villar de Navia, próximo a súa licitación por 14 M€, ou o futuro IES de Pereiro de Aguiar, en fase de redacción do proxecto cun investimento previsto de 9,3 M€.
Formación Profesional innovadora
Tamén este apartado acolle as accións máis relevantes no ámbito da Formación Profesional, unha prioridade para o Goberno autonómico. Esta Dirección Xeral compensa con fondos propios a finalización dos fondos europeos para ofrecer unha formación excelente adaptada ás necesidades da mocidade e dos sectores produtivos, que apostan masivamente por estas ensinanzas e marcan un novo récord de matrícula.
Este curso porase en marcha o decreto pioneiro para regular o rexistro de patentes e propiedade industrial neste tipo de ensinanzas; continuarase desenvolvendo InnovaTech FP para favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais co uso de tecnoloxías innovadoras, e apostarase por dotar aos centros con recursos de simulación, realidade virtual e intelixencia artificial para estar plenamente adaptados ás novas demandas, procurando así as elevadas cifras de inserción laboral, que superan xa o 85%.
Ademais, comeza a desenvolverse o Plan FPGal360, de orientación profesional integral, que busca ampliar de facto a idade de escolarización ata os 18 anos, para que ningunha persoa chegue á maioría de idade sen unha cualificación. Galicia aspira así a seguir reducindo o abandono escolar, que pasou en 15 anos de case o 26% a un 9%.
Transformación dixital e coeducación
Tamén a transformación dixital do ensino ten un rol relevante para garantir un modelo híbrido onde papel e tecnoloxía se complementan. Encádranse aquí programas de innovación educativa como cREAgal ou Ágora Dixital. Ademais, Román Rodríguez anunciou a posta en marcha dun programa dirixido ao alumnado de Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías cun investimento que superará os 2M€.
No ámbito contra o acoso escolar, avanzou tres novidades: unha ferramenta de sondaxe para a medición do clima de convivencia, un Plan de coeducación que fomentará a igualdade nas aulas e a renovación do protocolo de identidade de xénero.
Reforzo da aposta pola investigación
O conselleiro rematou a súa intervención cun repaso ao capítulo VII, onde ten especial protagonismo a Axencia Galega de Innovación, integrada nestes orzamentos por primeira vez na Consellería de Educación e Ciencia coa súa nova configuración.
Contará cun orzamento de case 120 millóns de euros para ser “a punta de lanza á vangarda da investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica” xunto ás universidades (que acadan récord en investigación con 106 M€), o sistema sanitario e iniciativas doutras consellerías. Precisamente, unindo forzas coa Secretaría Xeral de Universidades, reforzarase a Rede CIGUS que agrupa aos centros de I+D+i máis punteiros da USC, UDC e UVigo, así como dos centros tecnolóxicos vencellados a sectores produtivos (con apoios extraordinarios nos casos de CTAG e Aimen no Porriño, Gradiant en Vigo e CETIM en Culleredo) e dos novos centros de investigación empresarial en construción por parte de BorgWarner en Nigrán e de Mestrelab en Santiago.
Román Rodríguez marcou como obxectivos prioritarios a atracción e retención de talento científico, a nova fundación para a captación de investigadores de alto nivel internacional anunciada recentemente, o novo plan de I+D+i ante un ecosistema con máis de 12.000 profesionais ou o reforzo da supercomputación e o avance na cuántica a través do novo Cesga, un proxecto aprobado cun investimento de 56 millóns de euros.