A Xunta destaca o compromiso do Colexio Rural Agrupado de Culleredo cos programas de innovación bibliotecaria

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro, que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde hai nove anos e leva tres anos participando nos programas Biblioteca Creativa e Lecturas e Familias

Mér, 23/10/2024 - 15:44
c

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá a biblioteca do Colexio Rural Agrupado CRA de Culleredo, onde gabou a implicación da comunidade educativa con este espazo didáctico. “Estamos a falar dun centro que forma parte de diferentes programas impulsados pola Xunta, como o Plan de mellora de bibliotecas escolares, a Biblioteca Creativa e Lectura e Familias”, explicou.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional felicitou a alumnos e docentes polo importante labor que realizan na biblioteca e o club de lectura. O centro, a través dos plans nos que participa, avanza na inclusión, consegue melloras na comprensión, emprega diferentes formas de información e apoia a adquisición das competencias clave do alumnado, contribuíndo así a un maior logro académico e incentivando o uso destes espazos para fomentar a lectura. 

Froito destas prácticas excelentes, a biblioteca do CRA de Culleredo integrouse no programa LÍA.3, ao abeiro do cal se converteu nun laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.