Román Rodríguez salienta que o deseño dunha proba de acceso á universidade común e máis xusta “xa non ten volta atrás”

Lembra que Galicia foi pioneira en defender e liderar “unha ABAU máis homoxénea” e agora é a primeira CCAA en publicar os modelos de exame

Gaba o labor desenvolvido pola Conferencia Interuniversitaria de Galicia para “dar certezas e seguridade” aos profesores e aos alumnos

Mér, 23/10/2024 - 15:52
p

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salienta que a senda de traballo iniciada para acadar unha Proba de Acceso á Universidade (PAU) “común e máis xusta” que garanta a igualdade entre os estudantes a nivel estatal “xa non ten volta atrás”.

Así o subliñou ante o Pleno do Parlamento galego, onde destacou a “vontade de traballo e de chegar a acordos” que Galicia leva anos “defendendo e liderando”, se traduza agora “nunha proba que xa é máis xusta que o curso pasado e que, progresivamente, deberá ser máis semellante en datas, contidos, estrutura dos exames e criterios de avaliación”. Unha proposta recoñecida a nivel estatal ata o punto de que foi compartida por 11 comunidades autónomas que aglutinan o 70% dos estudantes e mesmo avalado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).

Así mesmo, o conselleiro de Educación puxo en valor que Galicia foi a primeira CCAA do Estado en publicar, xa en agosto, os modelos de exame para que tanto profesores como alumnos puideran traballar desde o primeiro día lectivo na preparación das probas e, deste xeito, “garantir as máximas certezas e seguridade” á comunidade educativa. Neste senso, Román Rodríguez agradeceu o “intenso traballo” desenvolvido nos últimos meses pola Conferencia Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que é a encargada de implementar, supervisar e aplicar as probas.

Así pois, a proposta dunha proba común que garanta a igualdade de oportunidades entre todos os estudantes independentemente de onde vivan, e sempre dentro do marco legal establecido, estase abrindo camiño no resto dos territorios pese á inoperancia do Ministerio neste asunto. Este camiño “racha” co modelo asimétrico de 17 vías distintas de acceso a un distrito universitario único que, en palabras do conselleiro, “estaba xerando desigualdades entre o alumnado das diferentes comunidades autónomas, especialmente naqueles graos máis demandados e con maior competitividade”.

Proba especial para alumnos estranxeiros

Doutra banda, o conselleiro tamén denunciou que o Ministerio queira implementar unha proba específica para alumnado estranxeiro que vai supoñer “unha barreira” para atraer universitarios doutros países ao tempo que “é unha medida excluínte” posto que obriga ao alumnado a desprazarse ás sedes da UNED nos seus respectivos países.

A este respecto, o titular de Educación demandou “unha reflexión” sobre este modelo que o Goberno do Estado quere “impoñer unha vez máis sen ningún tipo de diálogo coas comunidades autónomas e coas universidades”.