A Xunta reforzou os centros escolares de Vigo cunha trintena de especialistas de atención á diversidade a maiores neste curso, malia a baixada da matrícula

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP explica no Parlamento que o seu departamento atende as necesidades de cada centro en función dos informes dos técnicos

Mér, 23/10/2024 - 15:46
p

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, salienta que o seu departamento vén de reforzar os centros escolares de Vigo cunha trintena de profesionais de atención á diversidade, entre especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, a maiores dos que había o pasado curso, e todo isto nun contexto de baixada de matrícula.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento sobre a situación do Colexio CEIP de Chans-Bembrive, Román Rodríguez explicou que desde o seu departamento se traballa “con coherencia e responsabilidade” asignando os recursos segundo o que determinan os informes obxectivos dos técnicos educativos, que son quen establecen os apoios que se precisan para cada caso. “Temos como axioma axudar aos alumnos que máis o precisan”, subliñou o conselleiro en alusión ao compromiso coa inclusión e a diversidade a través de distintas accións, plans e programas que contribúen a que Galicia sexa a comunidade autónoma máis inclusiva de España, con case o 94% do alumnado con necesidades especiais matriculado en centros ordinarios, un 10,7% máis ca media estatal.

No que atinxe ao Chans-Bembrive, Román Rodríguez explicou que o colexio conta este ano co reforzo de docentes especialistas para garantir a axeitada atención educativa ao alumnado matriculado neste centro vigués, cun docente en Pedagoxía Terapéutica e outro en Audición e Linguaxe e, a maiores, recibe outro medio especialista en AL que se incorporou ao colexio a través do programa PROA+.