A Xunta apoia con 1,6 M€ a investigación en tecnoloxías ambientais dos 109 profesionais do CRETUS tras a súa incorporación á rede de excelencia

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación  visitan o centro co reitor da USC para coñecer o seu funcionamento

Mér, 23/10/2024 - 15:39
c

Continúan as visitas conxuntas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aos centros de investigación e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as súas necesidades. Concretamente, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. 

Tras a súa incorporación este ano á Rede CIGUS de Centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina os centros investigadores punteiros, o CRETUS contará cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 1,6M€ para asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027. “Queremos seguir promovendo a investigación científica de calidade, polo que este ano o Goberno galego incrementou un 31% ata acadar os 23,6M€ o orzamento destinada á Rede CIGUS”, sinalaron os representantes da Consellería de Ciencia e Universidades.

Áreas de coñecemento

Durante a visita, José Alberto Díez e Carmen Cotelo e Antonio López coñeceron a nova estrutura científica do centro, composta por oito áreas de actividade en I+D: remediación e usos sustentables do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental. A través destas áreas o CRETUS traballa na combinación das capacidades das ciencias experimentais, sociais e de enxeñería cunha visión global, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico, tecnoloxía e impacto.

Actualmente conta con 109 investigadores que traballan en proxectos enmarcados no programa Horizonte Europa, no de Transferencia de Coñecemento e noutros interdisciplinares, entre os que destacan o deseño de tecnosolos para reducir os altos niveis de nitrato e fosfato en augas doces e salgadas, o aumento da capacidade de produción de peixe para o consumo humano no km 0 de cada cidade europea ou a procura dunha visión máis xeral de enfermidades ligadas á alimentación, entre outros.

Entre os seus investigadores atópanse dous científicos gañadores das axudas a proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC). Ambos perciben o apoio económico do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación.

Ademais, os representantes da Xunta de Galicia puxeron en valor o apoio do Goberno autonómico a propia Universidade de Santiago en materia de investigación. Esta universidade recibe un financiamento total de máis de 12,7M€ para os cinco centros de investigación da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia que acadaron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria, o que supón un aumento do financiamento para a USC dun 17%.