A Xunta comproba no colexio de Zas o funcionamento dos recursos dixitais do proxecto Creagal
A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa asiste a unha clase de Tecnoloxía e dixitalización de 1º de ESO na que se empregan estes materiais
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, comprobou hoxe o funcionamento dos recursos dixitais do proxecto cREAgal no Colexio CPI de Zas. Fíxoo asistindo a unha clase de Tecnoloxía e dixitalización de 1º de ESO neste centro, onde presenciou como os docentes empregan estes contidos para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe e escoitou como se están a adaptar a eles.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que esta iniciativa afonda no modelo híbrido do ensino galego, que aproveita as potencialidades das novas tecnoloxías ao tempo que mantén os beneficios das ferramentas tradicionais. Lembrou, ademais, que ao longo deste curso estarán dispoñibles materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º de ESO. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso desta etapa.
cREAgal pon a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos abertos deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Trátase dun proxecto de características únicas en España, no que estes recursos dixitais están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Atención á diversidade
Os materiais son de licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.
Cada un dos recursos propón ao alumno un reto, que debe resolver a través da realización de varias actividades, e vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.