A Xunta celebra que Galicia sexa o lugar escollido para abordar os retos da intelixencia artificial con científicos de todo o mundo
Os conselleiros de Ciencia e de Lingua participan na inauguración da ‘European Conference on Artificial Intelligence 2024’
O Goberno galego impulsa, a través da Estratexia Galega de IA 2030, a Comunidade como un espazo avanzado na adopción desta tecnoloxía
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron hoxe na inauguración da xornada European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), unha cita que escolle por segunda vez a cidade de Santiago na súa 27ª edición para aglutinar a expertos da intelixencia artificial de todo o mundo. “Que esta prestixiosa conferencia volva a nosa terra é mostra da crecente relevancia desta Comunidade como punto de encontro para a ciencia e a innovación en Europa”, sinalaron os representantes da Xunta de Galicia.
A cita está organizada pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) e a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA) e acollida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Ambos aproveitaron o encontro para amosar o compromiso do Goberno galego con esta nova realidade: “Coñecedores da oportunidade singular que a intelixencia artificial supón para o desenvolvemento de Galicia, traballamos para situala como un eixo estratéxico do desenvolvemento económico, social e territorial da nosa Comunidade”.
A Xunta de Galicia conta coa Estratexia Galega de IA 2030, a folla de ruta para posicionar a Galicia como unha rexión avanzada na adopción desta tecnoloxía, e traballa na Lei galega de IA, que converterá a Galicia na primeira rexión europea cunha regulación única, sistemática e coherente nesta materia.
O encontro
Este encontro, que se prolongará ata o 24 de outubro, celebra nesta edición os 50 anos de conferencias europeas sobre IA. Durante estes días pasarán pola capital galega numerosos científicos e expertos sobre intelixencia artificial a nivel internacional. As xornadas contan cun programa completo de relatorios técnicos, así como numerosos eventos relacionados coa intelixencia artificial para investigadores, estudantes e profesionais do sector, incluíndo talleres e titorías, charlas invitadas e sesións especiais.
Entre os poñentes principais que participarán na European Conference on Artificial Intelligence están a profesora da Universidade Técnica de Darmstadt de Alemaña Irina Gurevitch, que falará sobre a verificación de feitos no mundo real con modelos lingüísticos de gran tamaño; o profesor asociado da Universidade Carnegie Mellon en Pittsburgh Marijn Heule, que achegará aos presentes solucións para resolver problemas matemáticos con intelixencia artificial simbólica; o profesor da Escola de Economía de Toulouse e da Universidade Corvinus de Budapest César A. Hidalgo, que afondará na complexidade económica do uso do aprendizaxe automático para comprender o pasado, presente e futuro do seu desenvolvemento, e a profesora asociada do Instituto Real de Tecnoloxía KTH en Estocolmo Yolanda Leite, que exporá as necesidades que teñen os robots dos humanos, entre outros.
Esta cita é, así mesmo, unha oportunidade para Galicia, para seguir aprendendo e posicionándonos no panorama internacional, pois a intelixencia artificial xa non é “unha promesa afastada, senón unha realidade que abre portas que fai medio século nin sequera podiamos imaxinar”, concluíron os conselleiros.