Estudantes de FP de seis centros galegos participan nunha competición nacional de vehículos eléctricos fabricados por eles mesmos
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, asisten a esta proba na Estrada, unha das sedes do circuíto Green Power
Compiten centros de Sanxenxo, As Pontes, Viveiro, Ribadavia, Pontevedra e Ribeira, coordinados polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiron hoxe na Estrada á I Carreira Urbana A Estrada-Green Power de vehículos eléctricos na que participan estudantes de FP de seis centros da Comunidade con coches deseñados e fabricados por eles mesmos a través dun proxecto de innovación financiado pola Xunta e coordinado polo Centro Galego de Innovación da FP.
Trátase dos institutos IES de Vilalonga (Sanxenxo), Castro da Uz (As Pontes), María Sarmiento (Viveiro) e O Ribeiro (Ribadavia) e dos centros integrados de FP A Xunqueira (Pontevedra) e Coroso (Ribeira). Xunto con eles tamén participa un equipo da Universidade da Coruña, dous equipos de Cantabria e outro procedente de Asturias.
Os estudantes galegos chegan á cita grazas ao proxecto e-mobilidade STEM na FP, que foi premiado con 27.000€ na última convocatoria de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da FP que impulsa anualmente o Goberno galego. Neste proxecto participan un total de 14 centros de Formación Profesional galega baixo a coordinación do Instituto IES de Ordes.
A cita ofrece aos estudantes a oportunidade de exercer de deseñadores, mecánicos e pilotos. Así mesmo, asumen todas as tarefas de xestión dun equipo de competición, incluídas a administración de contas, márketing, difusión en redes sociais e xestión web.
Habilidades técnicas e espírito emprendedor
Os conselleiros destacaron a importancia deste evento como un proxecto de desenvolvemento integral do alumno, que ten que demostrar as súas habilidades técnicas ao tempo que se promove o espírito emprendedor, a creatividade e a conciencia ambiental. Aínda que a familia profesional directamente implicada é a de Automoción, ao tratarse dun proxecto disciplinar, tamén participan o resto das familias e profesorado doutros departamentos como o de debuxo para colaborar no deseño, de carpintaría que nalgúns casos fabricaron pezas para os chasis dos coches, ou de electricidade, entre outros.
O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, axuda aos alumnos participantes a desenvolver o proxecto, mellorando o deseño e a eficiencia dos coches e colaborando coa organización das probas para que os centros poidan testar os vehículos e implementar as melloras necesarias. Non en balde, un dos proxectos de innovación aplicada no que traballa o Eduardo Barreiros é o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a recarga das baterías dos vehículos eléctricos.
A proba que acolle hoxe A Estrada forma parte do circuíto nacional Fórmula 24+, integrado no proxecto educativo GreenPower Iberia, que busca que o alumnado desenvolva competencias profesionais a través da enxeñería e a xestión de proxectos, participando en eventos organizados en diferentes categorías segundo as idades.