A Xunta blindará a prohibición do uso dos móbiles e o acordo de mellora do ensino como normas de máximo rango na Lei de medidas fiscais e administrativas

O titular de Educación reúnese coas organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino, a quen agradece a súa contribución á mellora progresiva do ensino este curso e reafirma o “absoluto compromiso” con esas medidas pioneiras a nivel estatal “reforzando” o seu cumprimento e dándolle “o maior respaldo xurídico”

Avánzalles que o Orzamento da Consellería para 2025 superará por primeira vez os 3.000 M€, cun incremento de 90 M€ no investimento en profesorado co fin de avanzar nas melloras de rateos, atención á diversidade e ao rural introducidas no acordo

Fai un balance moi positivo do acordo, pois Galicia conta hoxe con máis profesores e máis aulas que hai un ano, a pesares de ter menos alumnos no sistema

Ven, 18/10/2024 - 15:13
e

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional blindará a prohibición do uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos e o acordo de mellora do ensino como normas de máximo rango para garantir o seu total cumprimento a darlles o maior respaldo xurídico. Farao a través da Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025.

Así llo trasladou esta mañá o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aos representantes das organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino, con quen hai un ano a Xunta asinou un acordo histórico de mellora do sistema educativo inédito en España. Ademais de agradecerlles a súa contribución, responsabilidade e altura de miras para acadar esta mellora, expresoulles o “compromiso absoluto” da aplicación das accións en marcha “conferíndolle o maior respaldo xurídico posible” ao convertelas en lei.  

Román Rodríguez avanzoulles, ademais, as contas do seu departamento para 2025, reflectidas nos Orzamentos aprobados onte pola Xunta. A Consellería que dirixe medra ata superar por primeira vez os 3.000 M€, cun especial énfase na aposta polo profesorado. De feito, o capítulo 1, centrado nos recursos humanos, é o que experimenta unha suba máis destacada, con 90 M€ máis, especialmente no que atinxe a fondos propios. Este incremento, como dixo, permitirá avanzar progresivamente nas medidas iniciadas este curso, con melloras nas rateos, na atención á diversidade e no rural, entre outros.

No que atinxe á prohibición dos teléfonos móbiles nos recintos escolares, que opera desde o curso pasado a través dunha instrución remitida aos centros, o resultado da medida avalíase como moi satisfactorio en xeral entre a comunidade educativa, con boa repercusión na convivencia escolar. Non obstante, para garantir aos centros o máximo soporte xurídico na súa aplicación e ofrecer todas as certezas aos equipos directivos, vaise modificar o decreto 8/2015, de convivencia, a través da Lei de medidas para reforzalo.

Melloras estruturais pioneiras blindadas

Pola súa banda, terá rango de lei o acordo de mellora do ensino asinado en outubro de 2023 cos tres sindicatos asistentes á xuntanza de hoxe, e que xa se vén aplicando desde o 1 de xaneiro deste ano. O motivo disto é, tal e como recalcou Román Rodríguez, “blindar e clarificar” a súa implementación progresiva, tal e como se prevé, ao tempo que evidenciar “o compromiso total” co “cumprimento de todas e cada unha” da batería de medidas “de tal calado que supoñen unha transformación sen precedentes do noso sistema educativo a curto, medio e longo prazo, a maior realizada en 30 anos”.

Así pois, dita lei vai incorporar o texto do acordo de melloras que xa arrancaron este curso como a redución da rateo por aula, a atención á diversidade, a carreira profesional docente e cuestións de carácter burocrático. Isto, no balance exposto polo conselleiro, fai que hoxe o ensino galego teña máis profesores e máis que hai un ano, a pesares de ter menos alumnos no sistema. Como afirmou, isto non sería posible sen o acordo de mellora, que fixo ascender a cifra de profesorado ata os 31.603, un récord histórico en Galicia.

Calendario de mellora curso a curso

O texto inclúe o calendario de implantación progresiva do acordo no que atinxe á baixada de rateos a 20 alumnos por aula que xa se iniciou este ano en 4º de Educación Infantil e que se irá implementando curso a curso nos sucesivos anos. Igualmente, queda blindada por lei a ponderación do alumnado con necesidades a efectos de rateos por aula iniciada para toda a etapa de Infantil e Primaria e que é unha das claves de bóveda do acordo para consolidar unha mellor integración e atención escolar a estes alumnos.

Outro dos puntos destacados que tamén se recollerá na Lei de medidas é o calendario de implantación dos agrupamentos de aulas no rural, iniciado xa este curso para todos os niveis da etapa de Infantil cun máximo de 14 alumnos, cando ata o momento estaba fixado en 18 alumnos. Neste senso, o vindeiro curso 25/26 darase un importante novo paso ao reducir a un máximo de 10 alumnos por aula cando se trate de combinación de aulas de Infantil e de Primaria, así como a extensión dos 14 alumnos agrupados na combinación de 1º e 2º de Primaria. O resto de cursos continuarán completándose nos seguintes anos, ata abranguer a totalidade do acordo de 2009. Daquela, diversas situacións impediron levar á práctica este acordo. Isto non sucederá agora dado que queda blindado por lei.

O conselleiro de Educación explicou que todas estas medidas, que xa estaban recollidas no acordo de melloras e que agora a Xunta blinda a través desta lei, “é a proba irrefutable de que xa non teñen marcha atrás”. “Este curso emprendemos un cambio propio en Galicia e esta transformación irase afianzando ano a ano, con compromiso e con seguridade, a prol dun sistema educativo de calidade, moderno e integrador”, abondou.